A XIII Festa do Chícaro celebrarase en Foz os días 16 e 17 de xaneiro. Os berberechos que se degustarán na carpa instalada no peirao serán elaborados por alumnos da Escola de Hostalaría.

A XIII Festa do Chícaro celebrarase en Foz os días 16 e 17 de xaneiro. Os berberechos que se degustarán na carpa instalada no peirao serán elaborados por alumnos da Escola de Hostalaría.
 
A fin de semana do 16 e 17 de xaneiro celebrarase en Foz a XIII Festa do Chícaro, ou berberecho, un evento que volverá ofrecer degustación de distintos pratos deste bivalvo elaborados por alumnos da escola de Hostalería focense, ademais de actividades divulgativas durante os días 13 e 15. O pregoeiro desta nova edición será Ramón Fernández, Moncho de Chila, segundo anunciou o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, que presentou esta mañá o festexo gastronómico xunto ao concelleiro de Mar, Pedro Fernández Manín, e ao presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos e do Centro Comercial Aberto focense, José Carlos Paleo López.
O rexedor municipal manifestou que “hoxe, despois dunha campaña intensa de Nadal, presentamos a XIII Festa do Chícaro de Foz, a festa do berberecho. Son xa 13 anos e a verdade é que estamos moi contentos de continuar con esta tradición en xaneiro. Estamos en época de chícaros e este bivalvo volve ter un protagonismo especial neste mes”.
Ademais Javier Castiñeira explicou que “a festa empezará o día 13 porque como en anos anteriores temos unhas xornadas divulgativas nos centros de ensino de Foz con técnicos da Xunta, concretamente Natalia Rodríguez Palmeiro, para explicarlle aos nosos rapaces o que é o cultivo deste bivalvo; e logo xa comezaríamos o forte o venres 15 ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura coa proxección dunha película, O mar de Foz,  sobre a historia marítima da nosa vila, feita por Xesús do Breogán”. 
O alcalde engadiu que nesta edición hai algunha novidade na organización da festa, moi vinculada á hostalaría local e a tradición mariñeira de Foz: “hai un cambio con respecto a outros anos porque o pregón realizarase o sábado 16, coa apertura da propia festa na carpa, e farao Ramón Fernández Fernández, Moncho de Chila, unha persoa moi querida en Foz, con longuísima tradición mariñeira e que leva participando moitos anos en toda a actividade local e en actos vinculados á propia festa do berberecho, como son os Cantos de Taberna. Moncho de Chila pertence á peña Os Lapeiros, ben coñecidos e relacionados con estes cantos de taberna, todo vinculado propiamente á hostalaría. Moncho, coa súa marabillosa voz, é ben coñecido tamén por isto, así que estamos encantados de que sexa o pregoeiro pola súa grande relación co berberecho. A partir do pregón xa se abre a festa o sábado 16 e tamén o domingo. O menú serán chícaros en empanada, á provenzal, ao vapor e con fabas de Lourenzá. Os pratos cociñaraos o departamento de hostalaría do IES de Foz, volvendo un pouco á tradición orixinal desta festa, e os prezos non varían con respecto ao ano pasado, seguen sendo 4 euros cada ración, incluído o pan. Unicamente queda invitar a todos a que a fin de semana do 16 e 17 de xaneiro visiten Foz e veñan comer e probar o chícaro, gózalo e pasar unha boa xornada”, rematou Castiñeira.