Ata o 29 de abril pódese ver en Ribadeo unha exposición de Xosé Vizoso. Os días 16 e 17 de abril o teatro será o protagonista.

Ata o 29 de abril pódese ver en Ribadeo unha exposición de Xosé Vizoso. Os días 16 e 17 de abril o teatro será o protagonista.
 
A programación cultural do Concello para esta fin de semana ofrece unha exposición de Xosé Vizoso, a proxección do documental Fíos Fora, e teatro con El Brujo en El Asno de Oro e a estrea de O Inspector a cargo do Grupo de Teatro de Ribadeo.
 
O concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña, detallou que “mañá, venres, ás 19:30 horas, temos a inauguración da exposición de carteis de Xosé Vizoso, unha persoa ben coñecida na comarca porque ademais levou polo mundo adiante os seus deseños a través das figuras de Sargadelos. El traballou na cerámica Sargadelos na nosa comarca e desenvolveu unha actividade creativa facendo un feixe inmenso de carteis para anunciar festas tradicionais, congresos ou concertos de música folk ao longo de todo o país. Xosé Vizoso ten deixado a súa pegada creativa a través dos seus carteis anunciando todo tipo de festas. Desde este venres 15 ata o 29 de abril imos poder contemplar unha escolma da súa obra creativa a través dos carteis na Sala de Exposicións da Oficina Municipal de Información ao Consumidor”.
 
Farruco Graña engadiu que “tamén o venres comezan unhas xornadas que seguirán o sábado, unhas xornadas sobre O Camiño de Santiago que terán lugar na Casa do Mar. Ademais o venres ás 20:00 horas no Cine Teatro haberá a proxección do documental Fíos Fora, que expón as claves do desenvolvemento do negocio téxtil en Galicia. Haberá a proxección e posteriormente coloquio aberto”.
 
O responsable de Cultura salientou que “xa o sábado 16 poderemos gozar do bo teatro da mao de Rafael Álvarez El Brujo. Representará El Asno de Oro. Aínda quedan unhas poucas entradas que se poden adquirir tanto en Codetickets como en Alandrina Tours para poder achegarse ata o Auditorio e gozar do bo teatro. Esta obra é considerada unha das máis grandes novelas da literatura latina. Narra como un mozo vítima dun feitizo errado acaba convertido en asno sen perder as súas facultades intelectuais a non ser a da linguaxe, e pasa por moitos amos e diversas aventuras das que poderemos gozar acudindo o sábado 16 ás 20:30 horas ao Auditorio Hernán Naval”.
 
Farruco Graña rematou relatando que “o domingo seguiremos cun teatro ben achegado para nós porque o Grupo de Teatro de Ribadeo vai estrear O Inspector . O Grupo de Teatro de Ribadeo que tan acostumado nos ten ás boas representacións por parte de xente afeccionada ribadense e da contorna que ama o teatro e quere levalo á práctica con representacións ás que xa nos teñen ben acostumados. Na anterior Feira do Libro estrearon unha pequena pasaxe desta obra e noutras ocasións teñen desenvolvido a súa actividade con outras estreas. Será este domingo no Cine Teatro ás 20:00 horas. Os nosos parabéns para o Grupo de Teatro de Ribadeo porque unha vez máis sigue mantendo viva e acesa a chama da creatividade teatral”.