Barreiros, Lourenzá, Ribadeo e Trabada serán escenario de varios espectáculos do programa "Cultura no Camiño", do Agadic e Turismo de Galicia.

Barreiros, Lourenzá, Ribadeo e Trabada serán escenario de varios espectáculos do programa "Cultura no Camiño", do Agadic e Turismo de Galicia.
 
A actuación musical Ao encontro de Martín Códax, de Xoan Curiel, abriu en Trabada a programación da cuarta edición de Cultura no Camiño na comarca da Mariña. 
 
Este ambicioso proxecto, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, percorrerá con 14 espectáculos máis os concellos mariñáns da ruta do Norte ao longo dos vindeiros meses, xirando polos municipios de Barreiros, Lourenzá, Ribadeo e Trabada.
 
O obxectivo do programa é incentivar a distribución de produtos culturais galegos nos diferentes concellos vinculados ao Camiño de Santiago e facer chegar a cultura á cidadanía mediante eventos e actividades culturais. Deste xeito, promociónase a cultura galega e deslocalízase a oferta cultural para procurar un desenvolvemento equilibrado no conxunto de Galicia.
 
Ademais do espectáculo que inaugurou o programa na comarca, en Trabada levarase a cabo unha actuación musical de Xoan Curiel, o día 17 de xuño, e o espectáculo de novo circo Peor Imposible, de Peter Punk, o 12 de agosto.
 
A Barreiros, Cultura no Camiño chegará o vindeiro 19 de xuño coa función teatral D.E.P. (Descansa en paz), de Malasombra Producións. Máis adiante, o espectáculo de maxia Máxico circus cabaret, de Cayetano Lledó, que terá lugar o 3 de xullo, e a obra de teatro infantil Laia, aprendiz de maga, de Animar-T, o día 5 de agosto, completarán a programación neste concello.
 
E o 24 de xuño, o proxecto chegará á Lourenzá co espectáculo de maxia Onde está o mago Antón?, de Creacións  Máxicas e Audiovisuais. Na localidade tamén se representará a obra teatral Memorias das memorias dun neno labrego, de Contraproduccións, o 9 de xullo, e o 23 dese mesmo mes rematarase co espectáculo musical Zaragallada, da Banda Migallas.
 
En Ribadeo, o programa cultural desembarcará o 6 de xullo coa actuación musical Uxía Lambona e a Banda Molona, de Troula Animación, e proseguirá o 13 de xullo co espectáculo de novo circo Un día no circo, de Pistacatro productora de soños, e a obra de teatro infantil Contos de medo que deixan durmir, de Caxoto Contacontos, o 27 de xullo.
 
O 17 de agosto, representarase tamén en Ribadeo a función teatral Lume, de Babaluva, orientada aos máis pequenos, e en setembro o proxecto continuará co espectáculo de novo circo Trasno, a cargo de Pistacatro productora de soños, e coa obra de teatro infantil A alfombra máxica, tamén de Babaluva, os días 2 e 16 dese mes, respectivamente.
 
Cultura no Camiño conta cun investimento de preto de 545.000 euros, compartido pola Xunta de Galicia e os concellos inscritos, que asumen unha parte dos cachés artísticos. Esta iniciativa promove a  colaboración institucional e o traballo colectivo entre ás administracións autonómica e locais e tamén a creadores, compañías, xestores e programadores.
 
O ciclo percorre todas as rutas xacobeas que discorren pola provincia. Así, polo Camiño do Norte participan Barreiros, Begonte, Friol, Guitiriz, Lourenzá, Ribadeo, Trabada e Vilalba. No Camiño Francés, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Portomarín e Sarria. Polo Camiño Primitivo, A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Guntín e Lugo. E polo Camiño de Inverno, A Pobra de Brollón, Chantada, Monforte de Lemos, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.