Burela inicia a súa programación cultural de Nadal recibindo este sábado á Compañía de monicreques Trécola. O grupo representará a obra Lolo e a Ratoa, a partir das 17:30 horas, na Casa da Cultura.

Burela inicia a súa programación cultural de Nadal recibindo este sábado á Compañía de monicreques Trécola. O grupo representará a obra Lolo e a Ratoa, a partir das 17:30 horas, na Casa da Cultura.

 

A Concellería de Cultura inicia a súa programación deste Nadal 2014, organizando para o vindeiro sábado, 13 de decembro, un espectáculo de monicreques para público infantil e familiar. A Compañía Trécola será a encargada de representar, a partir das 17:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Burela, a obra Lolo e a Ratoa. A entrada será gratuíta ata completar aforo e a duración da actividade roldará os 50 minutos.

A Compañía Trécola é un dos grupos teatrais históricos galegos no ámbito dos espectáculos infantís e familiares. Comezou a súa andaina nos anos 80, partindo dunha formación inicial de actores que estudaban xuntos a mesma especialidade de monicreques no Instituto de Teatro de Barcelona. Actualmente, Trécola conta con máis de 35 montaxes, que foron estreadas nas últimas dúas décadas en multitude de circuítos culturais da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Ademais de percorrer a xeografía galega presentando espectáculos singulares pola súa orixinalidade e innovación, esta compañía independente tamén traballa na creación e deseño de bonecos e escenografías por encarga.

O espectáculo Lolo e a Ratoa, que Trécola presenta este sábado en Burela, é unha obra de literatura infantil adaptada na que se conta o tradicional conto de Carapuchiña Vermella, facendo fincapé en valores positivos como a igualdade, a autoestima, a solidariedade, o respecto aos demais ou a amplitude de puntos de vista. Todo co actor Ero Vázquez Cabrera coma protagonista, baixo o guión e a dirección da propia Compañía Trécola.