Cervo presentou o programa do XII Encontro de Palilleiras que se celebrará o 28 de marzo. Xa hai unhas 400 inscritas.

Cervo presentou o programa do XII Encontro de Palilleiras que se celebrará o 28 de marzo. Xa hai unhas 400 inscritas.
 
O 28 de marzo é a data elixida este ano para celebrar o XII Encontro de Palilleiras, tal e como anunciaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Igualdade, Pilar Armada e as profesoras de encaixe Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero, que forman parte da organización. Un evento de exaltación da artesanía que todos os anos congrega a centos de persoas no pavillón da Veiga de San Ciprián, tanto palilleiras que se reúnen e fan encaixe a un tempo, como numeroso público interesado en ver de preto este espectáculo. 
De feito, a un mes do encontro, son xa 400 as palilleiras inscritas, e a cifra seguirá crecendo ata o día da celebración. O que si está pechado xa é o número de vendedores que exporán os seus artigos na carpa anexa ao pavillón, un total de 25, procedentes de distintos puntos da Mariña pero tamén de Galicia (A Coruña, Vigo, Santiago, Vimianzo, Camariñas, Cambados, Ares e Vilalba) de doutros puntos de España, como Madrid, Valencia ou Cantabria. 
En canto ao programa, o pavillón abrirase a partir das 10 h. para recibir ás palilleiras, que comezarán a palillar a partir das 10:30 e ata as 13 h. Durante a mañá, a partir das 12 h. está previsto que os acompañantes visiten a Fábrica de Cerámica de Sargadelos, á que tamén poderán acudir as palilleiras ao remate dos traballos. A hora do xantar está prevista para as 14 h. 
Pola tarde continúan os actos, ás 16 h. coa marea rosa en beneficio da Asociación Galega de Mulleres Afectadas por Cancro de Mama “Punto e seguido”, unha das novidades desta edición. Ademais, este ano retomarase o desfile de moda, a partir das 16:30 h. Unhas actividades que serán ampliadas nos próximos días. 
Ademais, entregaranse diplomas acreditativos da súa asistencia aos mozos e mozas que acudan a palillar. E como todos os anos sortearanse produtos doados por empresas e comercios da zona que colaboraron co evento. O grupo folclórico Airiños do Xunco animará a xornada. 
Hai que destacar que este é o primeiro Encontro de Palilleiras que se comezou a celebrar na Mariña e o máis importante da provincia en canto a afluencia de palilleiras. Un evento que para a edil de Igualdade “axuda a poñer en valor os oficios artesáns e, en concreto, a arte de palillar, exaltando os traballos manuais con resultados únicos e exclusivos”.    
Un evento organizado polo Concello de Cervo, as mestras de encaixe Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero coa colaboración de Xunta de Galicia, Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño así como de Labores Mabe San Ciprián, fábrica de cerámica de Sargadelos, cerámicas Gudín, Airiños do Xunco, Eladio Bello máquinas de coser, restaurantes e hostalería do municipio, mercería e decoración Ajuar, Cesáreo Eijo Canoura-Pulpería e Multicarpas, Distribucións Carreiras, Presencia Hilaturas S.A., Autos Rodríguez, Tino Soto e Lucía Paredes.