Dende hoxe e ata o 16 de decembro está aberta a preinscrición no Concello burelés para participar nos novos cursos de escola de columna e ximnasia preventiva.

Dende hoxe e ata o 16 de decembro está aberta a preinscrición no Concello burelés para participar nos novos cursos de escola de columna e ximnasia preventiva.
 
A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela abre hoxe a preinscrición para que os veciños e veciñas que o desexen poidan anotarse nos novos cursos de escola de columna e ximnasia preventiva, ofertados polo Concello. O prazo para inscribirse continuará aberto ata o 16 de decembro. Posteriormente, dende o día 22 e ata o 5 de xaneiro, @s alumn@s poderán formalizar a súa matrícula. Os anotados deben estar empadroados no concello de Burela e non presentar ningún tipo de contraindicación médica. Ademais, no caso da escola de columna os participantes deberán ter máis de 18 anos, e no de ximnasia preventiva, máis de 60.
 
As persoas interesadas poden anotarse xa fisicamente na aula de familia da Casa da Cultura para o curso de escola de columna e na praza de abastos para o de ximnasia preventiva. Dende a Concellería de Servizos Sociais recordan que non se admitirán inscricións telefónicas e que como máximo, cada persoa só poderá anotar a outro participante a maiores nunha das dúas actividades ofertadas. Os horarios nos que se levarán a cabo as clases da escola de columna serán os luns ás 15:30 e ás 16:30 horas; os martes ás 09:00, ás 10:00 e ás 11:00; os mércores ás 19:00 e ás 20:00 horas e os venres ás 9:00, ás 10:00 e ás 11:00 da mañá. No caso da ximnasia preventiva, as clases impartiranse os luns e xoves ás 09:00, ás 10:00 e ás 11:00 horas. O límite de inscritos será de 10 persoas para cada un dos horarios ofertados na escola de columna e de 20 e 30 para os grupos participantes na ximnasia preventiva. Haberá dous grupos de trinta persoas e un de vinte.