Do 18 de abril ao 24 de maio dez establecementos hostaleiros ofrecen os Menús Arte_Sans, unha iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña na que tamén participan doce artesáns da comarca.

Do 18 de abril ao 24 de maio dez establecementos hostaleiros ofrecen os Menús Arte_Sans, unha iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña na que tamén participan doce artesáns da comarca.
 
Dez establecementos hostaleiros ofrecen dende mañá, sábado, ata o 24 de maio os Menús Arte_Sans, unha iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña na que participan tamén doce artesáns da comarca.
O obxectivo é “presentar unha Mariña feita de oficios artesáns e de gastronomía, unha mostra da tradición e da cultura que dan lugar á nosa forma de vida, para que se experimente de forma distinta e para gozala cos todos os sentidos”.
É a primeira vez que se leva adiante una iniciativa destas características na Mariña con doce artesáns que van poñer os seus traballos enriba da mesa e dez restaurantes que van servir eses menús nesas pezas únicas e diferentes en cada local. Con esta medida o que se pretende é contribuír á desestacionalización do turismo en tempada baixa. 
No restaurante Area Grande, de O Vicedo, o menú está composto por nécora do Cantábrico, polbo con ameixas, sargo á grella, e requeixo con mel. Inclúe tamén augas minerais, viños branco e tinto Ribeira Sacra, café ou infusións. O prezo é de 35 euros.
O menú do restaurante Nito, de Viveiro, é: croquetas de xamón, vieira ao forno, pescada á galega e leite frito. Ademais inclúe augas minerais, viño branco Albariño, viño tinto Rioja, café ou infusións. O prezo é de 35 euros.
Tamén en Viveiro, o restaurante O Asador ofrece un menú con ensalada de navallas con verduriñas e mango, arroz caldoso de berberechos da ría, polbo e pataca á prancha con tapenade e emulsión de pemento, pescada do pincho de Celeiro con salteado de tallaríns e froitos do mar e torta de iogur e amorodos. Tamén inclúe augas minerais, viño branco albariño Quintela da Barca, viño tinto mencía Vía Romana, café ou infusións; todo por 35 euros.
No restaurante Río de Oro, de Espiñeirido (Cervo), o menú está composto por crema de mexillóns, bacallau con prebe de marisco, secreto de porco con prebe de amorodo e pataca ao forno e requeixo con mel. Inclúe tamén augas minerais, viño mencía Val de Quiroga, café ou infusións. O prezo é de 28 euros.
O menú do hotel Nordés, de Burela, é: aperitivo da casa; ourizo, mazá ácida e doce; as croquetas da casa; navalla, fume e limón; empanada de polbo e San Simón; pescada e choco; tacos de boi, pementos e pementa; e doces caseiro. Ademais inclúe augas minerais, viños mencía ou godello, café ou infusións. O prezo é de 35 euros.
O restaurante Casa Damián, de Foz, ofrece berberechos á prancha con crocante de algas, fabas de Lourenzá con lumbrigante caramelizado, bacallau morno con saba de ourizos e canutillos da avoa ás tres cremas. Inclúe tamén auga mineral, viño Albariño do Rosal Davila, viño Ribeiro Antonio Montero (de autor), café ou infusións. Ten un prezo de 35 euros.
No restaurante O Lar de Manolo, de Ribadeo o menú está composto por salpicón de peixe sapo e marisco do Cantábrico, suprema de pescada en mollo de ourizos, xarrete de tenreira galega con guarnición de verduras da horta e requeixo caseiro ao gusto. Tamén inclúe viño da Ribeira Sacra mencía ou godello, refrescos e auga; café ou infusións e chupito. Todo cun prezo de 25 euros.
O menú do Parador de Ribadeo é: táboa de queixo galego con marmelo, torrada de pan con salchichón de O Corgo, salpicón de maragota con vinagre de mazá, croquetón de lumbrigante, cuncha do peregrino gratinada, empanada de raxo, suprema de maruca rechea de navallas ao forno sobre cachelos e torta de iogur con prebe de amorodo e xeado de queixo do Cebreiro. Ademais inclúe augas minerais, viños Valdeorras branco e tinto, café ou infusións. O prezo é de 35 euros.
Tamén en Ribadeo, no Amodiño ofrecen un menú composto por cabala do Cantábrico afumada con tomate confitado, espagueti de mar e mollo de faba de Lourenzá; e bolsa rosa rechea de espinaca con queixo de San Simón da Costa e noces. Inclúe tamén augas minerais e viño Diego de Lemos, godello ou mencía. Ten un prezo de 4,5 euros.
E na Casa do Fidalgo, na Pontenova, hai un menú con emparedados de xamón, ensalada de bacallau e porros, niño de tenreira con guarnición de pementos e puré de pataca e sopa de chocolate branco con amorodos e xeado. Tamén inclúe viño de Chantada, refrescos e auga; café ou infusións e chupito. O prezo é de 20 euros.
Os doce artesáns que participan nesta iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña son Otero Regal (ceramista de Viveiro), Miriam (ceramista de Viveiro), Óscar Rodríguez (xoieiro de Viveiro), Francisco Fra (carpinteiro de Ribeira de San Cibrao), As Redeiras de Burela, Félix Paz (torneiro de Alfoz), Lucía Catuxo (ceramista de Trabada), José Rodil (navalleiro de A Pontenova), Regina (restauradora de Mondoñedo), Miguel Ángel (carpinteiro de Mondoñedo) e Pilar Maravalla (artista de Ribadeo).
Esta iniciativa conta cunha páxina web na dirección www.menusartesans.com