Do 27 ao 29 de novembro celébrase en Ribadeo a XII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. O concelleiro de Cultura anima a gozar desta cita.

Do 27 ao 29 de novembro celébrase en Ribadeo a XII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. O concelleiro de Cultura anima a gozar desta cita.
 
A XII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón terá lugar do 27 ao 29 de novembro. As representacións do venres e do sábado serán no Cine Teatro e a do domingo será no Auditorio Municipal Hernán Naval. Teatro Crea, de Viveiro; Andaravía Teatro, de Vedra; e Ollomao, de Barreiros, serán os protagonistas da mostra. 
 
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, sinala que “esta fin de semana vai haber, un ano máis, a celebración do teatro afeccionado en Ribadeo. Temos a Mostra Daniel Cortezón, que nos convida a todos os veciños e veciñas a gozar do bo teatro feito pola xente de aquí, dos concellos veciños, que teñen unha gran afección pola escena no teatro e que mostran día a día ao longo de todo o ano ensaiando con moita ilusión e paixón a obra de teatro que preparan en cada tempada”.
 
O edil nacionalista explica que “nesta ocasión vannos visitar o grupo Teatro Crea, de Viveiro; o grupo Andaravía Teatro, de Vedra; e, por suposto, tamén os nosos veciños do grupo Ollomao, de Barreiros. Todos os días ás nove da noite teremos cita co teatro esta fin de semana: os días 27, 28 e 29. Pero este ano hai unha novidade, porque o día 29 verémonos todos e todas no auditorio municipal. Estamos todos acostumados a acudirmos ata o Cine Teatro para ver o teatro afeccionado, pero por razóns de dimensións do escenario nesta ocasión o grupo Ollomao necesita que a súa obra Noite de Reis se represente no auditorio municipal. Así que o venres e o sábado verémonos todos e todas no Cine Teatro ás nove, pero o domingo desprazarémonos ata o auditorio municipal Hernán Naval para ver a Noite de Reis do grupo Ollomao”. 
 
Graña subliña que “son tres días de teatro: o día 27 ás nove no Cine Teatro o grupo Teatro Crea, de Viveiro, con Xoguetes cómicos, de Chéjov; o día 28, tamén ás nove no Cine Teatro, o grupo Andaravía Teatro, de Vedra, representará Maniféstate, de Manolo Cortés; e o derradeiro día da mostra, o día 29, ás nove no auditorio municipal Hernán Naval o grupo Ollomao, de Barreiros, vai representar Noite de Reis, de Shakespeare”.
 
Para o concelleiro de Cultura “esta é unha boa ocasión para que gocemos do bo teatro feito polos nosos veciños e veciñas e por xente achegada doutros concellos, como neste caso os que veñen de máis lonxe, que son os de Vedra. Outras ocasións haberá para que outros grupos de teatro afeccionado que están xurdindo pola comarca tamén se acerquen a Ribadeo e que, por suposto, as nosas xentes que fan teatro afeccionado aquí poidan intercambiar experiencias nos concellos destas persoas que nos visiten. Teatro afeccionado nesta mostra e tamén ao longo da tempada. Xa saben, de outubro a maio, teatro. No verán é certo que nos gusta pasear un pouquiño máis polas rúas, pero no inverno que ben se está sentado na butaca vendo como representan bo teatro. Vémonos esta fin de semana na mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón. Agardámolos”.