Este venres, 5 de decembro, dará comezo o XII Mercado do Nadal de Ribadeo, que este ano se celebrará na rúa Doutor Moreda

Este venres, 5 de decembro, dará comezo o XII Mercado do Nadal de Ribadeo, que este ano se celebrará na rúa Doutor Moreda
 
Hoxe foi presentada no salón de actos da Casa do Concello de Ribadeo a XII edición do tradicional Mercado do Nadal polo alcalde, Fernando Suárez, e pola concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez. O Mercado do Nadal 2014 levarase a cabo entre os días 5 e 8 de decembro, coincidindo coa ponte da Constitución, e estará situado por primeira vez e coma gran novidade no entorno da rúa Doutor Moreda. Nel participarán 25 expositores que poñerán á venta produtos manufacturados e artesanais en ámbitos tan diversos coma o coiro, a xoiería, a cerámica ou mesmo a produción de embutidos. Coincidindo co inicio do Mercado do Nadal o venres, 5 de decembro, procederase tamén ao acendido do alumeado destas festas nas rúas de Ribadeo, que será “un chisquiño máis intenso que en anos anteriores”, segundo o rexedor. 
O alcalde ribadense recoñeceu que “cando facemos esta presentación quere dicir que ven o Nadal a Ribadeo, porque as vindeiras festas aquí comezan precisamente co Mercado do Nadal, que casualmente nunca é no Nadal, senón que se celebra a principios do mes de decembro aproveitando a ponte. Unha ponte que este ano é un pouquiño máis recortada, pero non por iso menos intensa, senón que vai estar cargada de actividade e o Mercado do Nadal, na súa XII edición, vaise a celebrar en Ribadeo outra vez, organizado polo Concello, dende a área de Desenvolvemento Local que dirixe a miña compañeira Ana Martínez, e tamén coa colaboración económica da Deputación Provincial de Lugo”. 
Fernando Suárez adiantou que “neste ano, coma en cada edición sempre facemos algunha innovación, cambiamos a situación para resaltar algún outro ámbito urbano que ás veces deixamos un pouco máis de lado. Neste caso vai estar concentrado na rúa Doutor Moreda. Precisamente, hai unhas semanas lle demos unha volta a praza de abastos e queríamos aproveitar este entorno para concentrar alí todos os expositores deste ano. En total haberá 25 postos e os artesáns, tanto de coiro, madeira, embutidos, cerámica, instrumentos musicais, xoiería, sempre co reclamo do arte feito a man e profesionais auténticos van  facer as delicias de todos os vrciñ@s de Ribadeo, de todos os de A Mariña e de todos os do occidente de Asturias  que van vir, sen dúbida, nestes día ao noso concello”.
O  alcalde destacou que  “coma en anos anteriores, non só facemos un Mercado do Nadal para vender todos estes produtos manufacturados á man, senón que tamén vamos facer unha serie de actividades, e para iso contamos coa colaboración dunha serie de asociacións coma son a Asociación de Amigos da Madeira de Ribadeo, a Asociación Amigos da Gaita e o Coro do Colexio Sagrado Corazón. Ademais haberá un sen fin de actividades de contacontos e obradoiros que farán que todos os días haxa algo que facer pola mañá, pola tarde e pola noite, aparte de loxicamente comprar neses expositores”. 
Suárez Barcia rematou a presentación do XII Mercado do Nadal animando a “que esta capitalidade comarcal que temos aquí instaurada en Ribadeo,  dende hai un tempo para acó, sirva para convidar a tódolos amigos e amigas do entorno da vila, nun radio moi amplo, para que sigan vindo a gozar do noso comercio e desta nova edición do Mercado do Nadal, un mercado que coincidirá no seu inicio, o mesmo día 5 de decembro, co acendido do alumeado de Nadal de Ribadeo. Un alumeado que é un chisquiño máis intenso que en anos anteriores, aínda que temos que dicir que non moito máis”.