Este xoves, 21 de xullo, terá lugar un encontro literario na Ponte Vella de Frexulfe, en O Valadouro. O evento está organizado pola denominada Ponte Literaria.

Este xoves, 21 de xullo, terá lugar un encontro literario na Ponte Vella de Frexulfe, en O Valadouro. O evento está organizado pola denominada Ponte Literaria.
 
Os organizadores da Ponte Literaria* reuníronse o día 13 para artellar as actividades do verán 2016; entre outras resolucións, artellouse unha actividade para a semana vindeira.
 
O novo encontro terá lugar o xoves, 21 de xullo ás 17:30 h., no espazo de lecer da Ponte Vella de Frexulfe (O Valadouro).
 
A experiencia consistirá nun exercicio de creación e/ou exposición literaria cunhas condicións básicas. Toda persoa que desexe participar activamente deberá levar un texto (a temática é libre e non se exixe ningún xénero concreto) para ler ou expor de xeito oral, cunha dimensión máxima de un folio.
 
Tamén se poderá asistir á experiencia sen participar activamente, sinxelamente como público.
Na xuntanza de organización púxose en marcha, de xeito espontáneo, unha práctica que vimos de adoptar como futuro costume: A doazón de libros que non desexamos continuar conservando nas nosas bibliotecas particulares. Foi pioneiro deste exercicio de solidariedade literaria o dramaturgo Manuel Lourenzo -un dos impulsores da Ponte Literaria xunto a Xesús Pisón, Isaac Ferreira e Lionel Rexes-, espallando na mesa de reunión varios volumes (todos vinculados ao eido dramático), co ánimo de que o resto de participantes levasen os exemplares que lles resultasen máis atractivos.
 
Deste xeito, animamos os participantes que desexen desfacerse de libros usados, a traelos para continuar coa práctica da doazón espontánea. En caso de tempo chuvioso, o acto trasladarase a un estabelecemento próximo. Para calquera información dirixirse ao 600378363 (tamén Whatsapp).
 
*A Ponte Literaria é un colectivo formado o verán pasado por persoas vinculadas á literatura ou ao activismo cultural; desenvolve as súas lecturas e coloquios no espazo de lecer situado a carón da Ponte Vella de Frexulfe e naceu para compartir e expandir o pracer da literatura.