Vila de Foz
O XXVIII torneo de tenis Vila de Foz disputarase desde este sábado, día 15, ata o domingo 23 de agosto nas instalacións do Club de Tenis de Foz. Xogarase categoría individual absoluta e mixto, dobres absoluto e mixto e novas promesas.
Este evento deportivo está organizado polo Club de Tenis de Foz coa colaboración do Concello. As inscricións está abertas ata este xoves, 13 de agosto, ou completar cadro.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, felicita ao Club de Tenis de Foz polo “traballo que fan durante todo o ano, promocionando este deporte especialmente entre os máis pequenos. Desde o Concello de Foz estamos encantados de colaborar con eles e impulsar o deporte base”.
O Club Deportivo Foz, coa colaboración do Concello de Foz, organiza un ano máis o torneo de fútbol Vila de Foz, que este ano disputarán o CD Lugo e o Coruxo FC, este sábado, día 15 de agosto, ás 18:00 horas no Estadio Martínez Otero.
Desde o Concello de Foz o alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, poñen en valor, “o enorme traballo que está a facer a directiva do CD Foz, apostando pola canteira e conformando equipos moi competitivos. O fomento do deporte base é unha prioridade deste Concello e contar con clubs e directivas tan implicadas coma esta é unha sorte para nós. Desde o Concello de Foz animamos a acudir o sábado á tarde ao campo e desfrutar do espectáculo”.




