Intensa axenda de actividades en Foz do 28 de xullo ao 5 de agosto. Música, gastronomía e historia local conforman a programación para estes días.

Intensa axenda de actividades en Foz do 28 de xullo ao 5 de agosto. Música, gastronomía e historia local conforman a programación para estes días.
 
O Campo da Cabana acollerá mañá, xoves, unha degustación de xamón gratuíta, durante o fin de semana haberá varias actividades musicais en Foz e o luns empezarán as XXI Xornadas de Historia Local. Anunciouno hoxe a concelleira de Cultura focense, Silvia Blach.
 
“Mañá, xoves, día 28 ás oito da tarde temos no Campo da Cabana degustación de xamón gratuíta a cargo da Pulpería Chelo e a música vai ser de parte de Juan Soto e Jorge Ibáñez. Organizan os establecementos do Campo da Cabana. E o venres 29 ás nove da noite na Praza do Concello rematará a XI edición de Sons na Rúa cun concerto da Coral Polifónica de Foz. O sábado, día 30, na basílica de San Martiño de Mondoñedo ás sete da tarde haberá un concerto de música do barroco francés a cargo de David Bellas e Carlos Timiraos. E ás oito e media diante do Cenima teremos Zorza Celtas, unha zorzada popular organizada polo club de baloncesto Celtas de Foz. A continuación, a partir das nove da noite e ata as tres da madrugada o festival Vrao terá o seu último día da edición deste ano. E no Cenima ata o día 30 de xullo temos as exposicións de José Ramón Irazu e de Noé López”, explicou a edil de Cultura.
 
Silvia Blach tamén avanzou que “na primeira semana de agosto temos na Casa da Cultura ás oito e media da tarde todos os días as XXI Xornadas de Historia Local. O luns, día 1, haberá unha charla de José Manuel Romero Moreno, que falará do Condado do Fontao; o martes 2 o tema será as Irmandades da Fala na Mariña, por Carlos Nuevo Cal; o mércores, día 3, da emigración focega falará Martín Fernández Vizoso; o xoves 4 o tema será a represión e a guerrilla en Foz, a cargo de Eliseo Fernández Fernández; e o venres 5, a charla será sobre os normandos no norte galego, por Xoán Ramón Fernández Pacios. Estes eventos están organizados pola asociación A Pomba do Arco”.