Xove celebra a XXII Festa do Polbo o 2 de abril, día de Xoves Santo

O Concello de Xove colabora e patrocina un ano máis a celebración da XXII Festa do Polbo, “unha cita gastronómica xa consolidada que organizan os hostaleiros da localidade e que ten como obxectivo poñer en valor un dos produtos máis representativos das nosas costas. Nesta edición participarán oito locais de hostalería de Xove, que ofrecerán aos asistentes diferentes elaboracións de polbo para destacar a versatilidade e calidade deste produto tan apreciado na gastronomía galega. Os locais participantes son: Bar Pepe, Cafetería A Roda,  Cociña, O Cabaliño, A Fuga, A Cívica, O Refugio e Cafetería Antoxo. A festa terá lugar o vindeiro Xoves Santo, 2 de abril, a partir das 13:00 horas. Durante a xornada os establecementos participantes  servirán cazolas de polbo elaboradas de distintas formas a un prezo de 15 euros, co obxectivo de que veciños e visitantes poidan gozar deste manxar nun ambiente festivo”.

A partir das 19 horas a xornada gastronómica estará amenizada por membros da A.C. Saíñas e polo grupo de percusión da comparsa Habelas Hainas, de Barreiros, que percorrerán os locais participantes “levando música e animación para contribuír ao ambiente festivo desta celebración”.

Dende a organización os hostaleiros convidan a veciños e visitantes a achegarse a Xove este Xoves Santo “para desfrutar desta xornada gastronómica, que combina tradición, sabor e ambiente festivo nunha das citas culinarias destacadas da Semana Santa na comarca”.

Na presentación do cartel estiveron o alcalde, Demetrio Salgueiro, a concelleira Mª Dolores Meitín e distintos representantes dos locais de restauración participantes, “apostando pola calidade do produto e o bo facer da hostalería local”.