O grupo teatral O Centiño, de San Martiño (Foz) estrea a obra “O Autobús” no centro social de Ferreira Vella este sábado, 11 de abril

O grupo teatral O Centiño, de San Martiño (Foz), anuncia que celebra os seus dez anos de existencia estreando a súa oitava representación teatral. Trátase da obra titulada O Autobús, “unha comedia con momentos para a reflexión, escrita por Pepe Peinó, cuxa acción ten lugar no interior dun autobús”. A estrea terá lugar no centro social de Ferreira Vella, en San Martiño, lugar onde o grupo fai os seus ensaios, este sábado, día 11 de abril, ás 20:30 horas, con entrada de balde. 

O Centiño explica que nesta obra “sete actores dan vida a diversos personaxes: unha turista inglesa, un xubilado, un gandeiro do rural galego, unha esteticista, un ama de casa e un profesor, acompañados, como é natural, polo chofer do autobús. Preséntase a viaxe como unha metáfora da vida, que se lle parece moito, con diversos sucesos e paradas, con diversa problemática, obstáculos e vivencias, e, no remate da liña de autobús, cun final definitivo. Afírmase a necesidade de convivir, de moverse, de buscar experiencias variadas para seguir vivindo”.