Este domingo, 17 de maio, terá lugar a XXVIII edición da Feira Cabalar de Lago, en Xove

A Asociación Equina A Medela celebrará este domingo, día 17 de maio, a XXVIII edición da súa tradicional Feira de Gando Cabalar en Lago, “unha cita xa consolidada no calendario festivo e ecuestre da comarca e que cada ano reúne a numerosos criadores, afeccionados ao mundo do cabalo e visitantes chegados de distintos puntos da provincia”, anuncia o Concello de Xove, que engade: “a feira desenvolverase ao longo de toda a xornada nunha pista especialmente acondicionada polo Concello de Xove nas inmediacións do Centro Social de Lago, espazo que volverá converterse no centro da actividade cabalar durante este importante encontro”.

Entre as 9:30 e as 10:45 horas terá lugar a apertura do recinto feiral para a presentación dos participantes e as correspondentes medicións dos cabalos inscritos. Ao longo da mañá e tamén durante a tarde celebraranse distintos concursos e exhibicións, “nos que os asistentes poderán desfrutar da beleza e calidade dos exemplares participantes, así como do ambiente festivo e tradicional que caracteriza esta feira. Ademais, ao mediodía, as persoas afeccionadas ao mundo do cabalo poderán compartir unha animada sesión vermú que contribuirá a amenizar a xornada e favorecer a convivencia entre participantes, visitantes e organización”, salienta o Concello de Xove.

Desde a Asociación Equina A Medela destacan “a importancia de manter viva esta tradición, que serve non só para promover o sector equino, senón tamén para dinamizar a vida social e cultural da contorna”. A entidade organizadora agradece igualmente a colaboración do Concello de Xove e o apoio de todas as persoas e colectivos que fan posible a celebración desta XXVIII edición.

A organización anima a toda a veciñanza e ao público en xeral a achegarse ata Lago “para desfrutar dunha xornada dedicada ao mundo do cabalo, á tradición e á convivencia”.

Na presentación do cartel estiveron presentes Demetrio Salgueiro, alcalde  de Xove; María Dolores Meitín, concelleira de Agricultura, Gandaría e Montes; acompañados de Leandro Quelle e Rubén Rubiños como membros da Asociación Equina A Medela.