Aberto ata o 13 de xuño o prazo de inscrición no programa Xove Concilia o Verán 2026

O Concello de Xove, a través da súa Área de Muller e Igualdade, abre o prazo de inscición para o servizo de conciliación familiar Xove Concilia durante para este verán 2026. Todas as familias que precisen conciliar a vida laboral e familiar durante os próximos meses de vacacións escolares  poderán inscribirse ata o 13 de xuño a través da Sede Electrónica do Concello de Xove ou da súa Oficina de Información Xuvenil.

Este é un servizo que o Concello de Xove realiza desde o ano 2015, e que progresivamente foi ampliado e mellorado. Actualmente desenvólvese pola empresa Sonaga Gestión, S.L., adxudicataria do procedemento licitado en 2025.

Segundo explican desde o Concello “no programa Xove Concilia o Verán aténdense arredor de 100 nenas e nenos de 3 a 10 anos de idade, o que significa axudar nas necesidade de conciliación de máis de 70 familias solicitantes. Xove Concilia o Verán préstase en horario de 8:45 a 14:00 h, de luns a venres, exceptuando fins de semana e festivos, en instalacións públicas habilitadas”.

E indican: “as actividades que se desenvolven son de carácter formativo, artístico e musical, escénicas, teatrais e vocais, audiovisuais e comunicativas así como actividades de educación para a convivencia, a paz, a coeducación, consumo responsable e de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Tamén participan en xogos populares e tradicionais, deportes e actividades culturais relacionadas coa época vacacional e co territorio de Xove. O equipo que leva a cabo o programa está composto por unha coordinadora graduada en Educación Infantil e varias monitoras e monitores de tempo libre”.

Desde o Concello de Xove engaden: “o prezo que se abona por cada menor é de 10 euros para este período de Semana Santa, o mesmo que polo Nadal, así coma nos meses de xuño e setembro. Durante xullo e agosto os usuarios abonan 20 euros por quincena. Ofrecendo a elección por quincenas, flexibilízase o servizo e dáselle a posibilidade ás familias de elixir a época vacacional que máis lles conveña”.