A romaría de San Antonio Ventureiro da Rigueira, en Xove, celebrarase o 13 de xuño

Dende o Departamento de Investigación Social e Turismo do Concello de Xove organízase a Romaría ao San Antonio Ventureiro da Rigueira, o próximo 13 de xuño. “Este ano é unha edición especial xa que, despois da declaración por parte do Consello de Turismo de Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2023, é o primeira vez que a festividade cae en sábado, polo que se espera unha gran concorrencia de público”, destaca o Concello de Xove.   

Ata o próximo 11 de xuño todas aquelas persoas que desexen participar da romaría poderán anotarse no Concello de Xove para obter a Ventura e a flor do San Antonio ó concluír o camiño. Poden anotarse no despacho da socióloga do Concello ou chamando ao teléfono 982.592.001, ou tamén enviando un correo electrónico a lucia@xove.es.

O Concello de Xove explica tamén que “como cada ano, os/as romeiros/as irán identificados/as cun carné de romaxe que poderán recoller no Concello antes da romaría, e irán selándoo nos puntos habilitados ata chegaren á igrexa. Nesta edición, como nas anteriores, e co apoio da comisión de festas, non se usarán bombas de palenque durante os actos da romaría. Esta iniciativa é cada vez máis apoiada por todas as persoas participantes. No traballo de investigación para a recuperación da romaría realizado no 2009 identificáronse ata oito rutas para chegar á igrexa. As rutas están sinalizadas con frechas e con paneis informativos ao inicio de cada unha delas, e a súa elección depende de cada romeira/o. Aínda que a maioría prefiren saír do centro de Xove sobre as 10:00 ou 10:30 da mañá, para chegaren á primeira misa dos romeiros ás 13:00 horas, mantendo así o carácter veciñal que sempre tivo esta festa”.