Burela prepárase para acoller o festival De Cabo a Cabo o luns 15 de xuño

Burela ultima os preparativos para celebrar o festival De Cabo a Cabo, unha proposta impulsada pola Deputación de Lugo, o Concello de Burela, a Asociación Cultural Fanto Fantini e coa dirección creativa de Anxo Ferreira que “converterá a vila nun espazo de encontro arredor da música, o deporte, a gastronomía e a creación artística” o vindeiro luns, 15 de xuño. A programación desenvolverase en diferentes puntos do municipio, principalmente na praza da Mariña, a praia do Portelo, o parque Rosalía de Castro e a praza de Abastos.

Ao longo da tarde e da noite sucederanse os concertos, as actividades deportivas, as degustacións gastronómicas e as intervencións artísticas nunha xornada que “reunirá diferentes propostas culturais e comunitarias vinculadas á realidade multicultural de Burela”.

O Concello de Burela anuncia tamén que praza da Mariña será o principal punto de encontro do festival e acollerá dende as 15:00 horas a programación musical e a retransmisión do encontro entre España e Cabo Verde. A xornada arrancará co concerto de Saya entre as 15:00 e as 16:15 horas. A continuación, entre as 16:15 e as 17:45 horas, será a quenda de Baiuca DJ Set, antes da retransmisión do partido, prevista entre as 17:45 e as 20:00 horas. Continúan as actuacións musicais con Batuko Tabanka, entre as 20:00 e as 20:50 horas; DJ Danifox, entre as 20:50 e as 22:00 horas; e DJ Kandole, que pechará a programación entre as 22:00 e as 23:30 horas.

De maneira paralela, entre as 16:00 e as 17:00 horas desenvolveranse as actividades deportivas previstas no festival, cun torneo de fútbol 3x3 na pista do Parque Rosalía de Castro e fútbol praia na Praia Urbana. Ademais, arredor das 17:30 horas comezará a degustación gastronómica con propostas de Senegal, Cabo Verde e Perú.

O festival contará tamén cunha instalación artística da man de Alicia Alonso, que estará na Praza de Abastos, nas porterías da praia do Portelo e na praza da Mariña.