
O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro; a concelleira de Servizos Sociais, Tamara Soto; e a primeira tenente de alcalde, María Dolores Meitín, acompañados por membros da directiva da Asociación de Festexos Alto do Cruceiro (Rubén Sánchez e Alex Quintas), presentaron o cartel da festa de San Pedro, que se celebrará este sábado, día 27 de xuño, no campo da festa do Cruceiro. O Concello de Xove explica que esta celebración “supón a recuperación dunha verbena moi querida pola veciñanza da parroquia de Xuances, que levaba case 30 anos sen celebrarse. A iniciativa da Asociación de Festexos Alto do Cruceiro foi recibida con gran satisfacción polos veciños e veciñas, que ven nesta recuperación unha oportunidade para volver compartir unha das citas festivas máis tradicionais da parroquia”.
A programación dará comezo o sábado na igrexa de Xuances cunha misa solemne e a posterior procesión na honra de San Pedro. A continuación celebrarase a sesión vermú, que “servirá de punto de encontro para os asistentes nun ambiente festivo e familiar. Xa pola tarde, os actos continuarán cunha Festa da Cervexa e unha pancetada popular, con prezos populares para facilitar a participación de toda a veciñanza e visitantes. A xornada rematará cunha gran verbena nocturna amenizada polo Dúo Belinda e por DJ Tomás, que serán os encargados de poñer a música e o baile ata ben entrada a noite”, anuncia o Concello de Xove.
Desde a comisión organizadora quixeron destacar o esforzo realizado para recuperar esta festa e agradecer a colaboración de todas as persoas e empresas que fixeron posible a súa volta. Así mesmo, convidan a toda a veciñanza de Xove e aos visitantes da comarca a achegarse ao Cruceiro “para gozar dunha xornada de celebración, convivencia e compañeirismo nun ambiente agradable e festivo”.


