Burela sae á rúa para vivir unha tarde de cultura, ambiente e fútbol coa final do Mundial este domingo, 19 de xullo

O Concello anuncia que Burela prepárase “para vivir este domingo unha xornada especial, coa cultura, a hostalaría, o ambiente nas rúas e a emoción da final do Mundial como protagonistas. O Concello convida a veciñanza e visitantes a gozar da tarde na vila e a compartir unha previa que terá como gran remate a retransmisión do partido de España nunha pantalla instalada na Praza da Mariña. A programación incluirá tamén a actuación de Xacarandaina na Praza do Concello ás 19.00 horas, levando a música e o baile tradicional ao centro da vila e contribuíndo a crear ambiente antes da gran cita deportiva”.

Desde o Concello de Burela anímase a “vivir a xornada desde primeira hora da tarde, gozando das rúas, das terrazas, da hostalaría e de todo o que ofrece Burela, antes de reunirse para apoiar á selección española. A partir das 20.30 horas a Praza da Mariña converterase no gran punto de encontro para seguir en pantalla grande a final do Mundial e compartir a emoción dun partido histórico”.

O goberno local convida a toda a cidadanía a participar nunha xornada “pensada para todas as idades e na que cultura, vida local e deporte se unirán para converter as rúas e prazas de Burela no mellor escenario para vivir a final. Este domingo o mellor plan xógase en Burela”.