O Concello de Cervo volve apostar pola narración oral coa segunda edición do festival “De Cobo a Xunco” os venres de setembro

O Concello de Cervo volverá apostar este próximo mes de setembro polo Festival de Narración Oral De Cobo a Xunco, que celebrará a súa segunda edición, “mantendo a esencia e o formato que converteron esta proposta nun éxito entre o público”. Durante os venres do mes de setembro diferentes espazos e parroquias do municipio volverán encherse de contos, historias e tradición oral da man de destacados profesionais da narración oral galega, con sesións pensadas tanto para o público infantil -sesións regato- como para o adulto -sesións río-, rematando cunha gran gala final”.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou durante a presentación na que estivo acompañada de Carmen Conde e de Diego Gallego, en representación da compañía Tarabela Creativa, que “este festival naceu coa vontade de achegar a cultura a todos os recunchos do municipio e de poñer en valor unha tradición tan nosa como é a narración oral. A magnífica resposta da veciñanza na primeira edición anímanos a seguir impulsando unha iniciativa que promove a convivencia, dinamiza as parroquias e reforza a nosa identidade cultural”.

A rexedora incidiu ademais en que “queremos que Cervo continúe sendo un referente na programación cultural, ofrecendo actividades de calidade para todas as idades e descentralizando a cultura para que chegue a todos os lugares do concello”.

García Caramés quixo agradecer tamén a implicación da compañía Tarabela Creativa, impulsora da idea orixinal, e avanzou que nas próximas semanas darase a coñecer a programación completa desta segunda edición, coa relación de narradores e narradoras, os escenarios e os horarios das diferentes sesións.

De Cobo a Xunco toma o seu nome dos dous ríos que atravesan o municipio de Cervo, o Cobo e o Xunco, converténdose “nun símbolo da unión entre as diferentes parroquias a través da palabra, da cultura e da tradición oral. Igual que ambos os ríos percorren o territorio ata atoparse co mar, o festival pretende levar os contos e as historias a distintos recunchos do concello, conectando xeracións, persoas e lugares mediante a narración oral”.

O Concello de Cervo anima á veciñanza e ás persoas visitantes a reservar xa os venres de setembro para “volver gozar dunha cita cultural que une tradición, palabra e territorio a través dos ríos Cobo e Xunco”.