
A Feira do Libro de Viveiro arrincou este xoves, 13 de agosto, con preto de medio cento de actividades nos xardíns de Noriega Varela. Trátase da undécima das citas do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, e que está a percorrer 13 municipios galegos este verán dando lugar a máis de 80 días de actividade cultural.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou na inauguración e destacou “a eficacia deste formato para a consecución de dous obxectivos primordiais: fomentar a lectura entre a cidadanía e impulsar o sector do libro galego”. Tamén indicou que “dinamizan as vilas e cidades ao longo do estío, ampliando a súa programación cultural” e subliñou “o papel principal dos libreiros, que desenvolven unha variada programación, fomentan a interacción directa entre creadores e público, e buscan a implicación dos lectores en distintas actividades”.
A Xunta de Galicia tamén explica que “baixo o lema de A porta a universos infinitos, esta cita de dinamización lectora acollerá presentacións de obras, sinaturas, humor, maxia, teatro, espectáculos infantís e conversas, entre moitas outras propostas. Cómpre salientar que as librarías tradicionais seguen a manterse como o espazo principal onde os galegos e galegas mercan os seus libros, como o demostra o informe de hábitos lectores e compra de libros en Galicia en 2025 que constata que un 69,1 % da poboación galega mercan os seus libros nestes espazos”.
A Feira do Libro de Viveiro, que forma parte da campaña de verán Para gustos, cultura, coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “impulsa máis de 3.600 actividades en 200 municipios de toda Galicia”, estará aberta ata o domingo 16 de agosto en horario de 12,00 a 14,00 e de 18,00 a 22,00 horas. A programación iniciouse coa lectura do pregón a cargo do catedrático de Lingua e Literatura Emilio Xosé Ínsua e da pregoeira infantil, Carla Casabella Ínsua.
Viveiro é a undécima das 13 citas co libro e a lectura que teñen os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo e A Coruña. Recollerá o relevo Foz, do 20 ao 23 de agosto, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que colabora un ano máis coa organización da Feira do Libro de Viveiro, que se celebra do 13 ao 16 de agosto nos xardíns Noriega Varela e explica que “once librarías e editoriais sacan os libros a rúa durante catro xornadas nas que se desenvolverá tamén unha ampla axenda de presentacións, sinaturas de actividades de animación á lectura”.
A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, participou na inauguración da feira e na súa intervención reafirmou o apoio da Deputación de Lugo á Federación de Librarías para organizar as feiras lo libro da provincia, destacando que “as feiras levan os libros a espazos públicos e compartidos e danlle á lectura unha visibilidade e unha dimensión colectiva que contribúe a crear e fidelizar lectoras e lectores”
Ademais Iria Castro valorou “os libros como resultado dun traballo que implica moitos colectivos profesionais, desde a escritura, a corrección, a tradución, a maquetación ata a venda nas librarías” e destacou “o papel chave do sector na normalización do galego”. Animou ademais ao público a visitar a caseta do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación, que amosa os últimos títulos editados pola institución provincial, entre eles Enxeñería hidráulica do s. XVIII na cidade de Mondoñedo. A traída histórica de auga, de Xurxo, Lorenzo, e Mulleres da Salitre, de Paco Rivas.
As casetas abren ao público de 12 a 14 e de 18 a 22 horas.


