
O Concello de Ribadeo organiza contacontos, xincana, obradoiros educativo sexuais e cursos nos centros de ensino para afondar na igualdade e na diversidade. Será ao longo dos vindeiros meses. A programación foi presentada no Consello Municipal de Mulleres, que se reuniu este martes, 1 de setembro.
Do 16 ao 20 de novembro desenvolverase unha xincana contra a violencia de xénero para rapazas e rapaces de 1º e 2º da ESO. O contacontos Boti Boti destinado ao alumnado de educación primaria terá lugar do 23 al 27 de novembro.
Con motivo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o Concello convida aos centros educativos, asociacións de mulleres, colectivos e veciñanza a participar nun gran proxecto colaborativo. Trátase de crear un mural artístico de grande formato elaborado con mandalas de crochet.
Xa no segundo trimestre do curso escolar, na última semana de febreiro, haberá obradoiros educativos sexuais con Prisma para 4º e 5º de Primaria e 3º e 4º da ESO. E para o último trimestre están previstas charlas sobre a diversidade.
No Consello Municipal das Mulleres informouse tamén das actividades realizadas ao longo dos últimos meses. Asistiron a esta xuntanza a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta, Eloína Injerto, e o director territorial de Política Social en Lugo, Óscar Viñas.
O CIM propuxo a creación dun grupo de apoio para mulleres vítimas de violencia de xénero, como un novo recurso de acompañamento e apoio mutuo.
Desde a Concellería de Igualdade de Ribadeo lembran que ata o día 10 está aberto o prazo de inscrición no curso de defensa persoal feminina que terá lugar o 12 de setembro no centro sociocomunitario de Ribadeo. Haberá dúas quendas unha de mañá e outra de tarde. E o 25 de setembro ás 20:30 horas terá lugar a inauguración do mural de homenaxe a Manuela Barreiro Pico. A obra de Diego As poderase ver nun inmoble situado na esquina das rúas Ramón González e San Roque. O Teatro acollerá outras actividades de homenaxe a esta farmacéutica ribadense, que foi a primeira muller licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela.
O CIM e a Concellería de Igualdade preparan máis actividades para as vindeiras semanas en Ribadeo das que irán dando conta proximamente.


