Xove acolle unha xornada micolóxica organizada polo Concello o 10 de outubro

O Departamento de Agricultura do Concello de Xove organiza a súa primeira xornada micolóxica, “unha iniciativa que abre un novo espazo de aprendizaxe, divulgación e contacto directo coa natureza”. Esta primeira edición celebrarase o sábado 10 de outubro cun programa que combina charla divulgativa, saída de campo e obradoiro práctico de identificación de cogomelos.

O Concello de Xove anuncia que “a actividade comezará  ás 10:00 da mañá no salón de actos do Centro Cívico de Xove e, logo dunha pequena parte teórica, os participantes desprazaranse polos seus propios medios a un punto do noso concello na procura de atopar os mellores cogomelos. Na saída de campo explorarase a diversidade micolóxica da contorna e logo, pola tarde, terá lugar un obradoiro de identificación e traballarase tratando as características morfolóxicas e boas prácticas de recoñecemento seguro destes cogomelos”.

A participación nesta xornada é gratuíta e as prazas son limitadas. As persoas interesadas en participar deberán realizar a preinscrición antes do 3 de outubro a través da seguinte ligazón: bit.ly/micoloxia-xove

O Concello de Xove explica que “a realización da preinscrición non implica a reserva da praza senón que se confirmará posteriormente, coa recomendación de traer roupa axeitada, cesta e navalla para a saída de campo”.

Con esta iniciativa o Concello “aposta pola divulgación do coñecemento do medio natural e por ofrecer á veciñanza actividades formativas e prácticas relacionadas coa biodiversidade e o patrimonio natural de Xove”.