
Viveiro participará durante o mes de outubro na quinta edición dos Días da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, unha iniciativa internacional que busca achegar á cidadanía o patrimonio e as tradicións vinculadas a estas celebracións tamén fóra das súas datas habituais, anuncia o Concello de Viveiro.
A programación comezará cunha exposición fotográfica sobre a Semana Santa de Viveiro da fotógrafa María San Isidro, que poderá visitarse nos claustros da igrexa de San Francisco.
O sábado 3 de outubro celebrarase unha xornada de portas abertas da Exposición Permanente da Semana Santa de Viveiro, tamén nos claustros de San Francisco, en horario de 10:00 a 21:00 horas. Durante a xornada haberá tamén unha degustación do Pan dos Apóstolos, doce típico da Semana Santa viveirense.
O domingo 4 de outubro conmemorarase o VIII centenario do Tránsito de San Francisco de Asís cunha solemne eucaristía ás 20:00 horas na igrexa de San Francisco, presidida polo bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e organizada pola Venerable Orde Franciscana.
As celebracións relixiosas continuarán os días 4, 6 e 7 de outubro co triduo da Virxe do Rosario na igrexa de Santa María do Campo, organizado pola Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario. O sábado 10 de outubro, ás 20:00 horas, celebrarase unha solemne eucaristía seguida da procesión da Virxe do Rosario, que contará co acompañamento musical da Banda Nosa Señora da Misericordia.
A programación tamén terá propostas para o público infantil. O 23 de outubro desenvolverase a actividade Coñece a Semana Santa de Viveiro, unha xornada pensada para achegar estas tradicións aos máis pequenos.
O domingo 25 de outubro, ás 18:00 horas, terá lugar unha visita guiada polas igrexas de Viveiro, a cargo de Suso Martínez, guía oficial de Galicia. O punto de encontro será a igrexa de San Francisco.
Como peche da programación, o sábado 31 de outubro, ás 20:30 horas, a igrexa de San Francisco acollerá un concerto de música sacra a cargo do Obradoiro de Canto Coral do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.
“Todas as actividades serán gratuítas e permitirán achegarse á Semana Santa de Viveiro desde diferentes perspectivas, a través da fotografía, as visitas ao patrimonio, as celebracións tradicionais, as actividades para público infantil e a música”, explica o Concello de Viveiro, que engade: “os V Días da Rede Europea contan nesta edición coa participación de localidades de España, Malta e Portugal, que desenvolverán durante o mes de outubro diferentes actividades relacionadas coa Semana Santa e a Pascua. A programación de Viveiro permitirá así prolongar durante todo o mes de outubro a presenza da Semana Santa na axenda cultural da localidade, con propostas abertas a diferentes públicos e vinculadas ao patrimonio, á historia e ás tradicións viveirenses”.


