Barreiros promove a práctica deportiva e os hábitos saudables no alumnado dos colexios os días 26 e 27 de outubro e 2 de novembro

O Concello barreirense anuncia que os obradoiros divulgativos e educativos do proxecto Vivir o Mar: Produto Local e Deporte no Litoral de Barreiros, que “promove un modelo de benestar integral entre a poboación infantil e xuvenil nos colexios do municipio”, continuarán o luns 26 e o martes 27 de outubro no colexio San Miguel de Reinante e rematarán o luns 2 de novembro, con sendas charlas no colexio de San Cosme e de San Miguel de Reinante, que contarán coa participación activa do cociñeiro Javier Montero e da ximnasta rítmica e investigadora Candela Martínez Bobo.

Ademais dos obradoiros, o proxecto Vivir o mar tamén organizará dous certames escolares sobre hábitos de vida saudable, “uns concursos dirixidos ao alumnado co obxectivo de fomentar a reflexión sobre a alimentación equilibrada, a práctica deportiva e a importancia do sector pesqueiro local. As propostas presentadas serán avaliadas e difundidas, promovendo a participación activa da comunidade educativa e a sensibilización das familias”.

O proxecto inclúe tamén a participación na Carreira das Praias, en colaboración coa organización da proba, para a que se deseñará un percorrido adaptado á participación infantil e xuvenil, acompañado de sesións preparatorias da edición 2027 nos centros educativos. “Esta actividade permitirá promover a práctica deportiva no litoral, reforzar os hábitos de vida saudables e fortalecer o vínculo das novas xeracións co medio mariño e coa identidade costeira do municipio”, destaca o Concello de Barreiros.