A entrega dos novenos premios Son Muller será en Mondoñedo o 11 de decembro

O deputado provincial de Medio Ambiente, Carlos López, participou este martes na presentación da novena edición dos Premios Son Muller 2026, que se celebrarán o vindeiro 11 de decembro no Auditorio Municipal de Mondoñedo. No acto, que tivo lugar na praza da Catedral, López destacou a colaboración da Deputación de Lugo, que achega 3.500 euros a esta iniciativa.

“Cada iniciativa que nace nos nosos concellos axuda a crear emprego, manter servizos e ofrecer oportunidades para vivir e traballar no territorio”, subliñou Carlos López, que destacou ademais “a importancia de recoñecer e dar visibilidade ao traballo das mulleres que poñen en marcha proxectos empresariais e contribúen á actividade económica da provincia”. O deputado salientou especialmente “o esforzo das mulleres que desenvolven os seus proxectos nos municipios do interior”.

Os premios contan con tres categorías: Son Emprendedora, para iniciativas con ata 42 meses de actividade; Son Empresaria, para negocios con máis de 42 meses, e Son Empresaria Rural, dirixida a proxectos desenvolvidos no rural. Cada categoría contempla tres galardóns, cunha dotación de 1.500, 700 e 300 euros, respectivamente, ademais doutros recoñecementos.

O prazo para presentar candidaturas abriu hoxe, 3 de novembro, e permanecerá dispoñible ata o día 24. O xurado dará a coñecer o seu fallo o 4 de decembro e a entrega dos premios celebrarase o 11 de decembro, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal de Mondoñedo.

AELU, a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, conta con máis de 36 anos de traxectoria promovendo o emprendemento feminino e a participación das mulleres na actividade económica.

As bases e o formulario de inscrición poden consultarse na páxina web www.empresariaslugo.org.

No acto participaron tamén a vicepresidenta de AELU, Luz Divina Castelo, o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, e representantes da asociación e de ABANCA.