115 integrantes de cinco entidades percorren ata o 23 de xuño A Mariña e a Ribeira Sacra co programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo.

Arredor de 115 veciños e veciñas pertencentes a cinco entidades da provincia de Lugo participan esta semana nas viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia. Trátase da terceira edición desta iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo, a través da que colectivos de Monterroso, Taboada, Lugo, Viveiro e Ribas de Sil viaxan entre hoxe e o xoves á Mariña e á Ribeira Sacra para coñecer o seu patrimonio natural e cultural.

As primeiras entidades desta semana son a Asociación Terceira Idade de Monterroso e a Asociación de Veciños de Santa María de Piñeira, de Taboada. Os monterrosinos achegáronse ós concellos de Xove e Viveiro, percorrendo lugares como Punta Roncadoira ou o Souto da Retorta. Antes de poñer rumbo á Mariña fixeron unha parada na Produtora de Audiovisuais da institución provincial. Por outra banda, os taboadenses achegáronse ao Pazo de San Marcos e posteriormente visitaron os municipios de Burela e Foz con percorridos pola costa e paradas no barco museo boniteiro Reina del Carme e na Basílica de San Martiño.

Mañá mércores será a quenda da Asociación Sociocultural e Recreativa O Priorato, de Lugo. Este colectivo visitará o Mazo de Santa Comba e posteriormente os concellos de Sober e Monforte. Nesta viaxe, a veciñanza coñecerá a igrexa románica en Sober e un miradoiro. Tamén farán un percorrido no catamarán que a Deputación ten polo Canón do Sil.

A Fundación Galicia Obra Social, de Viveiro, e a Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva Remeite de San Clodio, de Ribas de Sil, serán as últimas entidades que participarán esta semana no Coñece a túa provincia. Os mariñaos visitarán Pantón e Carballedo despois de facer unha parada no Mazo de Santa Comba. Por outra banda, os veciños de Ribas de Sil coñecerán a historia do Pazo de San Marcos, sede da institución provincial, para, a continuación, viaxar ata os concellos de Trabada, A Pontenova e Riotorto.