16 locais participarán do 5 ao 9 de novembro en Tapeando con Acisa, en Ribadeo.

Do 5 a o 9 de novembro celebrarase a campaña Tapeando con Acisa. Trátase dunha nova iniciativa ideada pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos para o sector hostaleiro na que se darán cita 16 establecementos asociados, que ofrecerán as súas orixinais preparacións durante 5 días.  

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “cada establecemento ofrecerá todos os días unha tapa especial. As tapas terán un prezo que oscilará entre 1 e 3 euros, cada local fixou o seu prezo. Nos dípticos, que desde hoxe están nos bares, mesóns e restaurantes participantes, a clientela poderá atopar todos os datos das tapas que se van ofertar, os nomes das tapas, horarios de servizo e se ai opción de levar para casa. A campaña estará a nosa web e nas redes socias”.

Francisco Iriarte, presidente de Acisa, dixo que “quixemos darlle total liberdade aos participantes establecendo prezos, días de participación e tipo de tapa a ofrecer, co fin de que esta campaña responda o mellor posible ás necesidades e criterios de cada un deles”.

En Tapeando con Acisa participan 16 locais: La Bugalla, Rosalar, O Alen, O Indiano, O Lar de Manolo, Goiás, Queimada, Galipizza, Delicates, Mareta, El Rincón del Gordo, La Lira, La Solana, O Xantar de Pazos, La Quinta y La Botellería.

Iriarte Quintana manifestou que “traballamos dende hai un tempo en organizar unha actividade deste tipo que ven sendo solicitada pola hostalería en moitas ocasións, e despois de saír da emerxencia sanitaria e recuperar os aforos e as barras pareceunos o mellor momento para facelo. Cremos que pode ser unha boa forma de dinamizar uns días deste mes de novembro, creando así unha oferta de ocio gastronómico e dándolle aos veciños e veciñas da vila e dos arredores unha boa razón para animarse a saír por Ribadeo”. 

Pérez Prada engadiu que “hai tapas moi elaborada. Creo que é unha boa forma para que a xente saia, tome dúas ou tres consumicións acompañadas das súas tapas, podendo case cear ou comer por un prezo mais que asumible, completando a ruta das 16 tapas e podendo probalas todas”.