67 equipos se darán cita no Memorial Rodrigo Maseda, que se disputará do 23 ao 27 de xuño en Burela e noutros catro concellos da Mariña.

Este mediodía presentouse no Pazo de San Marcos unha nova edición do torneo de fútbol sala base “Memorial Rodrigo Maseda Lozano”, que reunirá na Mariña equipos de base de todo o Estado en memoria do policía burelés que perdeu a vida ao intentar rescatar un mozo na praia coruñesa do Orzán en 2012 xunto a outros dous compañeiros - José Antonio Villamor e Javier López-.

O torneo disputarase do 23 ao 27 de xuño en Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove (Pavillón Municipal), Viveiro  (Pavillón Municipal) e Foz (Torques de Marzán), unha sede compartida que procura extender pola comarca o espectáculo deportivo e o dinamismo social e económico deste tipo de citas, así como a lembranza de Rodrigo Maseda Lozano.

A Fundación Indecum, que organiza o evento co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación, agarda uns 700 participantes de 67 equipos das categorías prebenxamín (mixta) benxamín (mixta),alevín (masculina e feminina), infantil (masculina e feminina), cadete (masculina e feminina) e xuvenil (masculina e feminina) de Galiza, Asturias, Cantabria, Castilla y Léon e Madrid.

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro presentou o acto no que participaron Isabel Lozano, nai de Rodrigo Maseda Lozano;  Roberto Saa Ramos, inspector xefe da Policía Xudicial na Comisaria de Viveiro; Alfonso Mera Río, director do torneo e técnico deportivo da Fundación Indecum,  o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández. 

Maite Ferreiro destacou o traballo da Fundación Indecum organizando e dando continuidade “a un torneo que xa é un referente no calendario deportivo do verán e que mantén no tempo a lembranza de Rodrigo Maseda Lozano e dos seus compañeiros”. 

“O deporte de base é unha ferramenta para afianzar hábitos de vida saudables . Pero ademais, en eventos coma este, créanse espazos para a convivencia entre nenas e nenos de diferentes lugares. E supoñen tamén unha oportunidade para dar a coñecer o territorio”, destacou a vicepresidenta da Deputación de Lugo.

Á presenza dos equipos, súmase a de acompañantes e familiares, co que se estima que o torneo achegará a Mariña unhas 3.000 persoas. A organización do torneo, cun só partido por día para cada equipo, facilitará que tanto nenas e nenos como familiares aproveiten para coñecer a comarca.