67 pilotos participarán no III Rally de Mariña, que se celebra do 10 ao 12 de setembro nas estradas de seis concellos da comarca.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, presentou esta tarde en Viveiro a terceira edición do Rally da Mariña, que se disputará do 10 ao 12 de setembro  nos concellos de Muras, Ourol, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo.

A carreira, que conta cunha achega de 24.000 euros por parte da Vicepresidencia da Deputación,  constará de cinco treitos cronometrados. A carreira arrancará o venres coas primeiras pasadas dos dous primeiros treitos, en Muras e entre o Viveiró (Muras) e Xerdiz (Ourol). A competición retomarase o sábado pola maña, coa segunda pasada dos dous primeiros treitos, e continuará ao longo da xornada cos treitos do Vicedo, a triple pasada, Cervo (saída diante da fábrica de Sargadelos) e Xove (saída a carón da Praza do Concello), a dobre pasada. En total, os pilotos percorrerán 124 quilómetros cronometrados polas estradas da comarca.  O parque de control estará situado en Lavandeiras, en Celeiro, e o de reagrupamento en Covas, en Viveiro.

Na presentación do evento, á que asistiron representantes institucionais de todos os concellos polos que pasa a proba, o deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que “a disputa desta terceira edición supón un paso adiante na consolidación do Rally da Mariña, unha proba pola que apostamos desde o inicio da lexislatura desde a Vicepresidencia da Deputación pensando en cubrir un oco que ata daquela estaba baleiro pese a gran afección ao motor que hai tamén nesta zona da Mariña"

Neste sentido, o deputado sinalou que "se trata dunha edición ambiciosa, que amplía o percorrido chegando este ano aos concellos de Muras e Ourol, nos que se disputarán os dous primeiros treitos, e que tamén medrou a participación de pilotos da comarca, con sete inscritos".

Os afeccionados e afeccionadas que queiran acceder aos tramos cronometrados para seguir a carreira terán que rexistrarse previamente na web do rally  (rallyemarina.wordpress.com), unha medida adoptada para facilitar un control  efectivo do evento por parte da organización e das autoridades sanitarias fronte a Covid 19.

O presidente da Escudería MixRallyeSports e director de carreira, Ignacio Davila, confirmou a inscrición de  67 participantes, entre os que destacan nomes como o Víctor Senra e Jorge Pérez - actuais primeiro e segundo clasificados no Campionato de Galiza de Rally -, ou Iago Caamaño e Alberto Meira, que tamén optan ao podio galego. Na grella de saída, estarán tamén sete pilotos da Mariña ( Samuel Fernández, Borja Ramudo, Brais Basanta, Angel Galdo, Manuel Castro Pita, Diego Lage e Omar Polo)

O Rally da Mariña é a cuarta proba do Campionato Galego de Rally, o segundo en disputarse en Lugo tras a Subida a Chantada. O vindeiro será o Rally San Froilán.