Aberto o prazo de inscrición para participar no desfile do Entroido de Foz, que se celebrará o 26 de febreiro.

A organización do Entroido de Foz continúa avanzando e abre as inscricións para o seu desfile, que se celebrará o sábado 26. Ata o día 22 de febreiro ás 14.00 horas tod@s aqueles que queiran desfilar poderán anotarse no correo electrónico desfileentroidofoz22@gmail.com ou na Delegación de Cultura do Concello de Foz.

Para desfilar será necesario cumprimentar a documentación relativa a participantes (de todas as idades), vehículos e presentar os certificados COVID para que a organización os valide, no momento da presentación da documentación ou ben o día do sorteo de postos. En ningún caso se permitirán inscricións o mesmo día do desfile, xa que por motivos organizativos faise imposible. As dúbidas dos posibles participantes serán resoltas no teléfono 982.14.00.27, extensión 3 (Cultura).

Tamén se poderán adquirir as entradas para o graderío da zona portuaria, onde o público poderá ver sentado o desfile así coma desfrutar da animación de Isi (TVG) e outros coñecidos do pobo de Foz, que presentarán a cada grupo. Estas entradas terán un custe de 3 euros para os adultos e maiores de 12 anos mentres que para os menores de 12 anos serán gratuítas. O lugar onde se recollerán será o Cenima, a partir do venres de 9 a 14 horas e ata rematar aforo.

O desfile arrancará ás 17.00 horas da explanada portuaria de Foz. Para aquel público que elixa sentarse no graderío a organización pide que se chegue con antelación para non entorpecer o desenvolvemento do mesmo.

Dende a Delegación de Cultura recordan que “para asistir ao desfile, tanto como participante como coma público, haberá de utilizarse a máscara en todo momento e no caso das comparsas non será posible o uso da turuta”.