Acisa acaba de editar un vídeo de ánimo e para lembrar o marabilloso que é Ribadeo. Xa se pode ver nas redes sociais da asociación.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo acaba de editar un vídeo para animar á cidadanía e lembrar o marabilloso que é Ribadeo. Este traballo audiovisual xa pode verse nas redes sociais de ACISA. 

Neste vídeo, que está elaborado con material gráfico de eventos e lugares de Ribadeo, baixo a idea de que “xa falta pouco” a asociación empresarial ribadense destaca que cada vez queda menos para facer todo o que botamos en falta: abrazarnos, brindar, saír, pasear, festexar … 

O presidente de ACISA Ribadeo, Francisco Iriarte, explica que “son momentos difíciles, cada día se fai máis costa arriba para todos, por iso quixemos levantar o ánimo dos nosos veciños e veciñas, amigos, familiares … Pero temos que ter a moral alta e ser positivos para aguantar o que queda. E para axudar a iso cremos que unha boa forma de facelo é lembrándolles que todo isto acabará pronto e que xa falta pouco para volver a vivir Ribadeo, con todo o marabilloso que temos, e todo o que volveremos facer e celebrar cando isto remate. Xa falta pouco para pasear polas rúas, para ir á ría, ás praias, … xa falta pouco para volver comprar nos comercios de Ribadeo, para tomar unhas cañas ou uns viños, para comer nos nosos restaurantes …”.

Así a patronal ribadense reforza a imaxe do municipio como destino de compras e de ocio, lembrando que Ribadeo é “o centro comercial coas mellores vistas, tal e como se mostra neste vídeo: un centro comercial ao aire libre con infinidade de tendas, bares, restaurantes, etcétera, onde todos poden atopar o que necesiten”. 

Pero ACISA tamén destaca que agora hai que quedar na casa e lembra aos visitantes e turistas con segunda residencia que “botámolos de menos, queremos que volvan no seu momento e serán moi benvidos porque tamén forman parte de Ribadeo e o noso comercio e a nosa hostalería necesítanos. Pero todo ao seu debido tempo e agora, aínda que esteamos na Semana Santa, toca quedarse na casa e non viaxar. Sexamos responsables polo ben de todos”.

Acisa editou dúas versións do vídeo, unha en galego e outra en castelán.