Acisa Ribadeo conmemorará o seu 35 aniversario na décima Gala, que se celebrará o 28 de abril e na que se entregarán varios galardóns

Acisa Ribadeo celebrará, tras a pandemia, a súa X Gala Anual,  na que conmemorará o seu 35 aniversario e na que se entregarán varios galardóns: ao relevo xeracional, a negocios emblemáticos e á ribadense do ano. 

Carmen Cruzado, presidente de Acisa, explicou que “na asemblea ordinaria, que tivemos onte, anunciamos a intención desta directiva de volver celebrar a Gala Anual de Acisa Ribadeo. Consideramos importante esta cita, xa que neste ano conmemorase o 35 aniversario da nosa entidade. Polo tanto, podemos xa anunciar oficialmente a celebración da X Gala de Acisa Ribadeo – 35º Aniversario. Despois de 4 anos sen xuntarnos por mor da pandemia, coa súa recuperación pretendemos reafirmar o noso compromiso coas nosas asociadas e asociados, os lazos empresariais, así como o intercambio de opinións, experiencias...  por elo animamos a todo empresariado asociado e tamén ao non asociado a que poidan asistir. A X Gala Anual de Acisa Ribadeo – 35º Aniversario, celebrarase o domingo 28 de abril no Parador de Turismo ás 21:00 horas. O prezo da entrada será de 35 euros, e as entradas poderán adquirise a partir do 1 de abril nas nosas oficinas situadas na rúa San Roque 57 – baixo, a través do telefono 663 39 62 26 ou e-mail info@acisaribadeo.es”  

Cruzado Iglesias anunciou que “nesta X Gala de Acisa Ribadeo – 35º Aniversario, esta directiva tamén decidiu recuperar a entrega dos nosos galardóns en tres categorías. En primeiro lugar, nunha nova creada este ano, entregaremos o galardón en recoñecemento ao relevo xeracional a María Antonia López Lens e María Gamallo López. Son nai e filla, primeira e segunda propietarias de Xeito Decoración e Sargadelos Ribadeo, establecementos que seguen abertos grazas ao relevo xeracional familiar. En segundo lugar acordamos conceder o galardón ao recoñecemento como negocios emblemáticos de Ribadeo, Pastelaría La Candelaria e Panaderia La Plaza, en recoñecemento pola súa traxectoria como locais que fixeron historia en Ribadeo. Ambos pecharon as súas portas recentemente. E por último, concederemos o galardón ou premio como ribadense do ano, a Vicky Álvarez Lebredo, pola seu amor por Ribadeo, pola súa implicación no traballo e nas actividades organizadas por Acisa, así como pola súa implicación e participación nas accións desenvolvidas pola AECC ou en citas como o Entroido ribadense”.

A presidenta de Acisa subliñou que “en Ribadeo hai máis negocios emblemáticos, hai máis relevo xeracional e hai máis persoas que poderían ser as ribadenses do ano. Neste 2024 eliximos estas e en vindeiras edicións serán outras as receptoras destes galardóns de Acisa. Tal e como comentamos na asemblea de onte estamos orgullosos nesta directiva de ver o relevo xeracional que está habendo en moitos negocios en Ribadeo en sectores como o da mercería, da panadería, de hoteis e restaurantes, de calzado ou de gasolineira, por poñer so uns exemplos”.