Acisa Ribadeo organiza unha xornada formativa sobre ciberseguridade. Será impartida por membros da Garda Civil o 26 de xaneiro.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo organiza unha xornada formativa sobre ciberseguridade, que será impartida por membros da Garda Civil da Comandancia de Lugo. O acto terá lugar o 26 de xaneiro no salón de actos da antiga casa sindical. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explica que “a xornada desenvolverase en dúas sesións. A primeira será ás seis da tarde e estará dirixida e aberta a toda a cidadanía. Na mesma abordaranse os principais ciberataques que sofre ou pode sufrir a poboación en xeral e como evitalos. E xa ás oito a charla terá como destinatario a todo o empresariado. Neste caso a Garda Civil falará dos principais ciberataques empresariais e tamén darán consellos para poder previlos e así evitalos”. 

Para a organización desta actividade Acisa conta coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Garda Civil. 

O xerente, Jesús Pérez, sinala que “nos parece moi interesante impartir esta formación tanto a cidadáns como a empresas, xa que os ciberataques son cada vez máis habituais. Sabemos que hai preocupación e por iso quixemos poñer en marcha esta xornada”.

Cruzado Iglesias agradece “a colaboración da Subdelegación do Goberno en Lugo e do cuartel da Garda Civil de Ribadeo para poder levar adiante esta actividade”.