Amplo programa de actividades o que se desenvolverá do 2 ao 5 de agosto en Burela coincidindo coa celebración da XXXIV Feira do Bonito.

No Concello tivo lugar este mediodía a presentación da XXXIV Feira do Bonito, que se celebrará o vindeiro 4 de agosto. O alcalde, Alfredo Llano, subliñou que o programa do que poderán gozar todos os que se acheguen a Burela será amplo e, ademais de degustacións gastronómicas, haberá cine de ultramar, celebrarase a segunda edición do Certame de Pintura Mural Amarte e tamén Produart, a feira dos produtos ecolóxicos. O pregoeiro da Feira do Bonito será Fernando Romay, que participará en diferentes actos ao longo desa fin de semana en Burela.

O rexedor burelés subliñou que “é un programa amplo para a Feira do Bonito, dado que cada vez temos máis interese en acompañala de actos e en facer cada vez máis atractiva a visita para a feira aquí a Burela. Hai que darse conta que a nosa pretensión é que sexa declarada de interese nacional, polo tanto canto máis poidamos facer mellor”.
Alfredo Llano dixo que “a Feira do Bonito é importantísima como un soporte de divulgación e información a todo o mundo. Non é soamente que se vexa como se prepara en diferentes formas este túnido, senón que ademais o que se pretende é explicar tamén como se pesca, o coidado que se ten, a calidade que trae ao final derivada dunha pesca ecolóxica sostible respectuosa co medio e co produto. Polo tanto penso que esas cuestións deben saberse para ser apreciado e que tamén a xente esixa esa calidade e que teña garantía de trazabilidade, que é o que se fai aquí en Burela”.

O alcalde engadiu que “no programa tamén hai que incluír o Concurso Internacional de Pintura Amarte, e destacar o pregón que vai ser a cargo de Fernando Romay o sábado ás 14:00 horas. Paralelamente hai actos deportivos como é o baloncesto 3x3 e tamén temos por primeira vez unha exposición de cine relacionado co mar, unhas cantas películas que se van proxectar na cofradía de pescadores, moi preto do recinto feiral”.

Llano tamén se referiu a Produart: “tamén teremos esa fin de semana a feira de produtos ecolóxicos e artesáns que se fai paralelamente á Feira do Bonito, compleméntase perfectamente. Produart vai estar desde o venres ata o domingo acompañando á Feira do Bonito que vai ser os días 4 e 5. O día 4 faremos o izado da bandeira azul no barco museo, recepción de autoridades e invitados, despois escoitaremos a Fernando Romay e posteriormente será a degustación do bonito durante todo o día. Incluso ao día seguinte, o domingo, vanse preparar unhas mil racións de marmitako para poder distribuír entre a xente que se achegue por alí”.

Tras a presentación celebrada este mediodía no Concello tivo lugar unha degustación de bonito: “singular, novidosa e curiosa, preparada pola asociación de cociñeiros da comarca da Mariña. Pensamos que é moi bo que exista esta asociación, e que esta xente prepare este bonito”. A XXXIV Feira do Bonito está organiza por Ledicia coa colaboración do Concello de Burela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Armadores de Burela, Confraría de Pescadores e Fundación Expomar, entre outros colectivos e asociacións. 

Alfredo Llano convidou “a todo o mundo que estea por aquí preto, ou non tan preto, a que se achegue os días 4 e 5 á Feira do Bonito e tamén a Produart, e que vaia contemplar o concurso de pintura Amarte que vai estar no porto. Xa houbo o ano pasado dez pinturas e este ano xa se seleccionaron outras dez que son dun nivel impresionante, o que vai dar lugar a que o porto de Burela gañe en atractivo e en calidade. Todas estas actividades xuntas conforman algo moi interesante para o noso concello que esperemos que se siga promocionando e que nos recoñezan esta feira do bonito como de interese nacional o antes posible”.

Romaría do Monte Castelo 
Por outra banda, o alcalde de Burela lembrou que “hoxe comeza a Romaría do Monte Castelo aquí en Burela. É unha festa moi tradicional, máis ben para os veciños e veciñas e para disfrutar compartindo todos os actos familiarmente. Comeza hoxe, ata o domingo, e teñen un amplo programa festeiro con algunha actuación importante e xogos”.

Para Llano “é unha romaría que ten a singularidade porque está no miradoiro do Monte Castelo e desde alí contémplase non soamente Burela senón que se contemplan Foz, Ribadeo e, se está bo día, tamén parte do litoral asturiano. Así que animar a todo o mundo a que participe e disfrute desta festa do Monte Castelo. Todas as parcelas que están para distribuír, entre a xente que queira participar, xa están case esgotadas, iso significa que hai bo interese en participar nesta nova edición da romaría do Monte Castelo”.