Arredor de 30 locais hostaleiros participarán no XV Ribadeo de Tapeo, que se celebrará do 14 ao 22 de maio.

Hoxe foi presentado o cartel da décimo quinta edición do Ribadeo de Tapeo, o concurso gastronómico que se desenvolverá do 14 ao 22 de maio en máis de 30 locais hostaleiros. Haberá sobremesas culturais, soños gastronómicos, Letras no Campo ou O Renacer do Cantil, entre outras actividades. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, subliñou que unha das novidades será a fase previa voluntaria de asesoramento para os locais que o desexen a cargo do chef Daniel López, do restaurante O Camiño do Inglés e membro do coñecido Grupo Nove. 

O edil ribadense manifestou que “un ano máis o Concello de Ribadeo organiza o Ribadeo de Tapeo, que xa vai pola súa décimo quinta edición e que terá lugar entre o 14 ao 22 de maio. Este concurso, decano dos fogóns da gastronomía de Galicia, é un dos nosos mellores escaparates gastronómicos. Nesta ocasión máis dunha trintena  establecementos hostaleiros do municipio ofrecerán as súas exquisitas e innovadoras tapas elaboradas cos mellores produtos galegos”.

Vizoso Galdo dixo que “estamos diante dunha nova entrega gastronómica, renovada e reinventada, cargada de novidades e disposta a sorprender e ilusionar a todas aquelas persoas que senten paixón pola gastronomía”.

Dúas son as novidades do XV Ribadeo de Tapeo: “este ano contaremos cunha novidade que consiste nunha fase previa e que ten entre os seus obxectivos incentivar a cultura gastronómica e fomentar a calidade da oferta. Con este fin contaremos co chef Daniel López, do restaurante O Camiño Do Inglés e membro do prestixioso Grupo Nove, que asesorará aos establecementos que voluntariamente participan nesta fase. E outro dos cambios é o prezo da tapa, este ano será de 2 euros por cada petisco e establecémolo así para incentivar a calidade e a creatividade das propostas culinarias”.

O concelleiro de Turismo seguiu a relatar que “tamén un ano máis entorno a unha ducia de locais contarán con tapas aptas para celíacos e deste xeito colaboramos coa Asociación de Celíacos de Galicia para asesorar aos establecementos interesados no manexo, nas recomendacións e na correcta elaboración da tapa sen glute. E como sempre e sen perder de vista o noso obxectivo en materia turística, que é a desestacionalización, queremos converter esta cita culinaria nunha ocasión ideal para coñecer Ribadeo e por iso seguimos coa proposta de Soños Gastronómicos, pola que algúns dos nosos establecementos hostaleiros ofrecerán descontos e condicións especiais para poder gozar dunha perfecta escapada gastronómica en Ribadeo”.

Pablo Vizoso engadiu: “do mesmo xeito, en colaboración coa Concellaría de Cultura, poderemos desfrutar das nosas Sobremesas Culturais, que veñen cargadiñas de actividades repartidas polos diferentes recunchos da vila. Ademais mentres dure o Ribadeo de Tapeo poderemos gozar coas Letras no Campo e O Renacer do Cantil, que nos traen propostas marabillosas. Como en edicións anteriores, a celebración do concurso darase a coñecer nos medios de comunicación con campañas publicitarias e informativas, carteis e folletos, a través da web http://turismo.ribadeo.gal/tapeo e da aplicación móbil Ribadeo Gastronómico ou Ribadeo de Tapeo. E  a maiores este concurso estará integrado noutra aplicación que recolle os principais concursos gastronómicos de Galicia e que se denomina Quedamos de Tapas”. 

O edil nacionalista tivo palabras de agradecemento para a hostalería local: “quero aproveitar para agradecer ao conxunto da hostalería de Ribadeo a súa participación neste concurso, porque sen eles sería imposible facer este evento. E por suposto os agasallos que doaron para os premios, que se repartirán entre o publico premiado. Animo a todo o mundo a desfrutar desta viaxe gastronómica para vivir unha experiencia completa, que nos sirva para fundirnos na gastronomía local e recoñecela como parte do noso patrimonio cultural”.