Artesacía chega o 2 de novembro ao teatro Pastor Díaz, de Viveiro, con "Chola a it girl" a partir das 20:30 horas.

Cita co teatro este sábado, 2 de novembro, no Pastor Díaz, de Viveiro, a partir das 20:30 horas. Artesacía chega con Chola a it girl.

Chola, mecánica de coches, blogueira e youtuber galega é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ó máis puro estilo de show escénico youtuber. A través da presenza no escenario do seu coche Opel Calibra do 2000 transmitirá, con exemplos prácticos e didácticos, estratexias para poder descubrir quen somos, qué nos gusta, qué nos divirte... e sobre todo, saber recoñecer de onde vimos.

Para todo isto, axudarase de videos exclusivos, proxectados con técnica de videomapping, desafíos en vivo, consellos automobilísticos e dunha gran dose musical. Cando parece que o show envolve a escena, revélase nun descuido de Chola no medio do show un cadaleito que sae do maleteiro do coche, no que está o cadáver de Lito.

A través dun diálogo Chola deixa entrever ó público outro traballo non tan glamuroso. E é a partir de aquí onde Chola revela a súa connotación de It girl con inxenio, humor e personalidade reflexando a súa realidade imperfecta, que está fora dos canons da imaxe actual da felicidade e do que debería ter éxito virtual. Manifestando a importancia da sabedoría popular e do uso das novas tecnoloxías a través das diversas situacións nas que se pode ver unha muller adiantada respecto oa tempo e a sociedade rural na que vive, polo seu inconformismo, talento, forza, e personalidade, pero tamén, pola súa busca incansable de posibilidades para cultivarse e aprender, e pola súa teima e constancia por fuxir dos canons actuais do que debería ser unha muller tendencia.