A asociación Hostelería de Barreiros organiza o "DisfraBAR" do 4 ao 6 de marzo e pon en xogo un menú completo de cocido para un grupo de 10 persoas.

Un total de 7 bares pertencentes á asociación de Hostelería de Barreiros toman parte na actividade “DisfraBAR”. Trátase dunha idea novidosa na que serán os establecementos de hostalería os que estarán disfrazados durante os días 4, 5 e 6 de marzo, con temáticas de antroido cada un deles. É dicir, luns, martes e mércores.

Os establecementos participantes son o Bar Centro Social, Moderno, O Asador, Lozano, A Curva, A Yenka e La Barrica, que durante estes tres días selarán unha papeleta por cada consumición realizada. Cada papeleta selada na súa totalidade nos 7 establecementos poderá entrar nun sorteo dun menú completo de cocido para un grupo de 10 persoas. Ademais, as persoas que visiten estes locais poderán escoller o bar que máis lle gustara. O establecemento que máis votos teña será galardoado como o gañador do “DisfraBAR 2019”.

Como peche, o mércores a partir das 20:00h., as comparsas barreirenses “Habelas Hainas” e “Os Macanudos” percorrerán e actuarán nestes locais, agás no Asador que como de costume o mércores pola tarde permanecerá pechado.

Para facilitar a asistencia e favorecer a mobilidade segura, haberá un bus gratuíto durante os 3 días, para o cal se conta coa colaboración do Concello de Barreiros. O bus fará os seguintes horarios:

- Luns, de 19h. a 24h.

- Martes, de 12h. a 16h. e de 19h. a 24h.

- Mércores, de 19h. a 24h.

O bus fará un percorrido circular cunha frecuencia aproximada de 30 minutos. Partirá sempre do Centro de Saúde de San Cosme ás horas marcadas como hora de inicio, e continuará o percorrido parando nos seguintes lugares: O Asador, Bar Lozano, A Curva, Parada de bus de Vilamartín Grande, Parada de bus de San Miguel de Reinante (ao lado do aparcamento), A Yenka, La Barrica e de novo Centro de Saúde para volver a comezar. As persoas que desexen usar este servizo poderán subir e baixar na parada que consideren, estar nos bares participantes e agardar a que volva pasar de novo o bus para continuar a ruta no bar que escollan.

O sorteo do premio terá lugar o día 8 de marzo, na praza do Concello, durante a festa do Entroido de Barreiros. As papeletas deberán depositarse nun buzón habilitado para este efecto, que estará dispoñible na zona de baile. A recollida do vale do premio deberá facerse presencialmente. No caso de non aparecer a persoa gañadora, sortearase de novo. Igualmente, no caso de que a papeleta escollida non estea selada na totalidade dos bares, esta será inválida e realizarase o sorteo de novo.

O premio poderá ser desfrutado nos restaurantes A Curva, A Yenka, La Barrica ou O Asador. Consistirá nun menú de sopa de cocido, cocido, postre tradicional, café, viño da casa, gaseosa e auga, para un grupo de 10 persoas. Deberá consumirse durante o mes de marzo, previa reserva dunha semana.