A asociación Nordés Faladora organiza unha vídeo conferencia sobre arte rupestre. Será o 23 de maio.

A Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora Nordés organiza unha vídeo conferencia titulada Memoria esquecida. A nosa arte rupestre, que se celebrará o sábado, 23 de maio, ás 19:00 horas.

A charla correrá a cargo de Luis Leclere, membro fundador do colectivo A Rula, asociación conformada para a procura da conservación e valoración social dos petróglifos prestando especial atención aos da comarca de Santiago.

A asociación Nordés salienta que os petróglifos do noroeste peninsular constitúen un dos focos de arte postpaleolítico europeos de maior interese. A pesares disto, na actualidade, a súa conservación está en grave risco. O abandono da explotación económica de boa parte dos nosos montes, os lumes periódicos ou a xeneralización do emprego de maquinaria pesada nas tarefas forestais son os principais factores que poñen en perigo a súa supervivencia. De xeito que tódolos anos estamos a vivir a desaparición de estacións coñecidas xunto á segura desaparición doutras que non o son. A esta situación únese a falta dun catálogo de xacementos completo, a grandes lagoas na prospección en moitas zonas de Galicia e á deficiente descrición dos paneis, o que conflúe nun coñecemento moi limitado desta manifestación cultural que, a pesares destas limitacións, ten sido asumida como un elemento importante da nosa identidade como pobo. 

Esta videoconferencia pode seguirse a través do Jitsi Meet, onde se poderá interactuar directamente. Para isto é preciso anotarse antes do venres, 22 de maio ás 14:00 horas en asociación.nordes@gmail.com ou no teléfono 620 417 848. Tamén pode verse a charla a través da canle de Youtube da asociación en directo ou diferido. No momento de anotarse os asistentes recibirán un enlace para participar na conferencia. Ademais, o venres 22 ás 19:30 horas farase unha proba de conexión no Jitsi Meet para resolver posibles problemas de uso ou dúbidas.