A asociación O Noso Foz e o Concello ultiman os preparativos da gala de elección do Rei do Entroido focense 2022, que se celebrará o 20 de novembro.

A asociación O Noso Foz e o Concello están dando as últimas pinceladas á gala que este sábado, día 20, dará a coñecer o nome do rei do Entroido de Foz.

A xornada estará chea de actividades dende o mediodía, no que as charangas comezarán a animar as rúas ata a hora do xantar, para o que a ACIA local e os hostaleiros se prestaron á elaboración de menús para que o Entroido estea presente en toda a vila. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, quere “darlle as grazas ao comercio e hostalería focense, por prestarse sempre a colaborar e atender as nosas propostas. Neste caso os menús carnavaleiros estarán presentes no Chícaro, Xoyma, Tangarte, Portochico, O Rincón do Mis, Dandy, As Brasas, O Lar e Casa Damián.”

Ás 17 horas retomarase de novo a música polas rúas e na carpa instalada na praza Conde de Fontao, tamén ás cinco da tarde, o Mago Rafa fará as delicias dos máis pequenos co seu espectáculo Shukran. 

O comezo da gala está previsto para as 19 horas e contará coa participación dun soado mestre de cerimonias e coa raíña e damas máis lonxevas do Entroido focego. “Invitamos á acudir ao evento e aproveitar para pasear pola alfombra vermella e sacarse unha foto grupal no photocall preparado para a ocasión. Algunha sorpresa tamén haberá”, indica Ángel Fernández, de O Noso Foz.

Ao rematar a carpa acollerá actuacións musicais para celebrar a nova chegada dun rei, que recibirá a coroa na tradicional cea de coroación no mes de febreiro.

O alcalde, Francisco Cajoto, espera “que sexa un día de desfrute para todos. Vémonos o sábado engalanados porque ....isto é Foz e aquí hai carnaval!”.