
O alcalde de Trabada, Rubén García, recibiu este martes no Concello aos membros da Asociación Saúde Mental A Mariña, entidade coa que o municipio mantén unha colaboración continuada ao longo dos últimos anos. Esta asociación foi a encargada de elaborar as cuncas que se empregarán na vindeira edición da Festa da Enfariñada, “reforzando así o vínculo entre o Concello e este colectivo, que desenvolve un labor fundamental no ámbito social”. Desde o Concello de Trabada destacan tamén “a importancia de apoiar iniciativas como esta, que contribúen á inclusión e á visibilización do traballo que realiza Saúde Mental A Mariña”. Ademais no marco da celebración da Festa da Enfariñada, que terá lugar o próximo 3 de maio, os propios membros da asociación estarán presentes cun posto no que ofrecerán diferentes produtos.
O alcalde, Rubén García, sinalou que “é moi importante seguir colaborando con entidades como a Asociación Saúde Mental A Mariña, que realizan un traballo fundamental na nosa sociedade. Desde o Concello queremos aportar o noso gran de area para apoiar este tipo de iniciativas”.


