Ata o 14 de decembro está aberto o prazo de presentación de traballos para Certame de Postais de Nadal 2021, que convoca a Biblioteca Municipal de Burela.

A Biblioteca Municipal de Burela convoca o Certame de Postais de Nadal 2021 para o que xa está aberto o prazo de presentación de traballos, que rematará o 14 de decembro.

Poderán participar tódolos nenos e nenas do concello en idade escolar, o tema é o Nadal, a técnica libre e o tamaño aproximado das postais de 15x21 cms pechada e 30x21 cms aberta. Establécense tres premios por cada unha das categorías: Educación Infantil, de 1º e 2º de Primaria, de 3º e 4º de Primaria e de 5º e 6º tamén de Primaria.

Os traballos enviaranse, sen asinar, acompañados dun sobre pechado dentro do que figurarán os datos do autor ou autora como teléfono, centro de estudo, curso e idade. O prazo de entrega das postais rematará o vindeiro 14 de decembro ás 20:00 horas e os traballos terán que presentarse no andar baixo da Biblioteca Pública de Burela.

As postais serán expostas ao público na Sala de Arte da Casa da Cultura desde o 21 de decembro ata o 15 de xaneiro. O horario de visitas será de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas, de luns a venres.