Ata o 15 de marzo pódese visitar nas instalacións da EMMeD de Ribadeo a exposición Trombonistas inspiradoras

Dende hoxe, 6 de marzo, ata o 15 deste mes pódese visitar nas instalacións da EMMeD a exposición Trombonistas inspiradoras.

A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, explica que “este é o resultado dun traballo de investigación e recompilación de Hanna Nauke, alumna de trombón da EMMeD, que ao comprobar as poucas mulleres que tocaban instrumentos de vento metal fixo esta labor”. 

O responsable da EMMeD, Hugo García, sinala que “trátase de doce paneis coa biografía de diferentes instrumentistas desta especialidade onde explica a súa traxectoria e mediante códigos QR poderanse ver vídeos destas importantes trombonistas.  Así mesmo, no texto de presentación desta exposición, a autora comenta varios casos concretos de orquestras profesionais onde unha vez máis queda reflectida a presenza minoritaria de mulleres neste ámbito”.

Sanjurjo engade que “esta actividade englóbase dentro dos actos organizados co gallo do 8M e amosa unha das apostas da EMMeD de Ribadeo, que é achegar durante todo o curso ao alumnado valores que vaian máis aló do estritamente musical de aí a inclusión no currículo académico do centro de aspectos como é a igualdade”.