Ata o 26 de marzo está aberta na Casa da Cultura, en San Ciprián, a mostra "Áreas Mariñas Protexidas", unha actividade complementaria á Festa do Ourizo.

Ata o 26 de marzo pódese visitar na Casa da Cultura de San Ciprián a exposición “Áreas Mariñas Protexidas”, unha actividade complementaria á Festa do Ourizo, que se celebra este sábado, día 16.

A mostra foi elaborada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA); e o obxectivo pasa por sensibilizar ao público visitante arredor da importancia do mar e do litoral como patrimonio esgotable e recurso cultural e económico; dar a coñecer a figura das áreas mariñas protexidas como eficaz estratexia de conservación do mar e do litoral, e sinalar o papel que cada un de nós pode xogar á hora de inclinar a balanza cara á conservación, ou non, do mar.

A información que se pode atopar estrutúrase en catro bloques: recursos do mar, problemáticas de conservación, a pesca en Galicia e as Áreas Mariñas Protexidas.
Ademais a exposición tamén inclúe un documental de vinte minutos de duración no que se abordan estas temáticas.