Ata o 27 de agosto pódese visitar no Forte San Damián, en Ribadeo, unha exposición de pintura de Vicente Barreira.

Nas últimas horas foi inaugurada no Forte San Damián unha exposición de pintura de Vicente Barreira, que se poderá visitar ata o 27 de agosto. 

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, contou que “ata o 27 de agosto ocupará as salas do Forte San Damián a obra do pintor valenciano nacido en 1947 Vicente Barreira, co título de Paisaxes”. 

A edil ribadense subliñou que “coma cada verán o Forte volve ser o seo da aposta expositiva en Ribadeo e desta volta as persoas que o desexen poderán visitar o espazo de luns a xoves de 17.00 a 20.30 horas e os venres, sábados, domingos e festivos ás mesmas horas polas tardes e ademais de 11.00 a 14.00 horas polas mañás”. 

Pilar Otero contou que “Vicente Barreira é fillo, neto e bisneto de artistas pintores, así que de forma natural continúa a vocación familiar. Ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Carlos en 1965. Alí realizou estudos completos de pintura e en 1970 obtivo o título de Profesorado. É licenciado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia. Ten sido docente na súa propia cidade durante décadas. A súa pintura pode encadrarse no realismo da paisaxe urbana, recoñecéndose debedor da pintora Amalia Avia, dos mestres flamencos do Renacemento e de Edward Hopper”.

Otero Cabarcos anima a achegarse a este espazo: “animamos a ribadenses e visitantes a pasarse polo forte de San Damián e a disfrutar non so das súas vistas e deste espazo tan bonito, senón tamén desta marabillosa exposición”.

Pola mostra pasaron xa a concelleira de Cultura, Pilar Otero e o alcalde, Fernando Suárez.