Ata o 31 de xaneiro está aberta a inscrición para participar no Campionato de Tute e Parchís, que organiza o Concello de Cervo con motivo do Día Internacional da Muller.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Muller e Igualdade que dirixe Pilar Armada, organiza un ano máis o campionato de tute e parchís con motivo do Día Internacional da Muller.

Tal e como apuntou Armada, o prazo para anotarse xa está aberto; e “aquelas mulleres interesadas en participar poden inscribirse ata o vindeiro 31 de xaneiro, na Casa da Cultura de San Ciprián ou chamando ao número de teléfono 982.59.51.57”.

As competicións comezarán o 5 de febreiro na cafetería da Casa do Mar e prolongararse durante todo ese mes.

Os trofeos, que serán de cerámica de Sargadelos, entregaranse na cea do Día da Muller, o 10 de marzo.

As diferentes Asociacións de Mulleres de San Ciprián reuniranse en datas próximas para definir o programa completo para conmemorar ese día.