Ata principios de febreiro estará aberta na Basílica de San Martiño, en Foz, a exposición conmemorativa dos 800 anos da Catedral de Mondoñedo.

Dende hoxe e ata principios do mes de febreiro pode visitarse na basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz) a exposición conmemorativa dos 800 anos do comezo do pontificado do Bispo Don Martín I (1219-1248) na catedral de Mondoñedo, mostra que de modo itinerante estase a expoñer na diocese mindoniense. Tralo seu paso pola propia catedral de Mondoñedo, Ferrol e Bretoña, achegase ó lugar que veu o nacemento da sede, alá polo ano 867 e na que estivo o primeiro terzo do século XII. Para inaugurar esta exposición a basílica recibiu este mediodía a visita do alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e dos concelleiros de Turismo e de Cultura, José María Linares e Héctor Moris.

Francisco Cajoto destaca “a importancia de San Martiño de Mondoñedo dentro desta exposición, xa que é o primeiro asentamento da diocese a súa orixe, onde bispos da relevancia de San Rosendo viviron e impulsaron a sede a ser o que é na actualidade, deixando no noso pobo un dos maiores legados histórico artísticos do arte románico galego, que é a basílica, a nosa catedral”.

Esta mostra está exposta dentro da antiga catedral da sede, accedendo a ela polo Centro de Interpretación que se sitúa á cabeceira do templo, de mércores a domingo en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Dentro dos actos conmemorativos destes 800 anos da catedral de Mondoñedo tamén haberá en Foz varias conferencias. A primeira será este venres, día 10, ás 20:00 horas e será impartida por Ramón Yzquierdo Perrín, licenciado en Filosofía e Letras, doutorado e catedrático de Historia do arte na Universidade da Coruña. Durante a charla falará sobre As catedrais medievais de Mondoñedo: arquitectura e escultura. O alcalde focense anima a visitantes e veciños a asistir a “unha charla non só dun gran historiador do noso templo senón tamén un conferenciante agradable e ameno que paga a pena escoitar”. E o día 24 deste mes a veciña de Ribadeo Celia Castro Fernández exporá a Iconografía dos capiteis da catedral de Mondoñedo.