A axenda cultural de Foz para o mes de maio inclúe teatro infantil, cine, representacións teatrais e un concurso para elixir o logotipo do Parque Infantil de Tráfico.

O Concello de Foz convoca un concurso para a elección dun logotipo que será a imaxe do Parque Infantil de Tráfico. Ademais dentro da programación cultural para este mes de maio terá lugar a Romaría de Bispo Santo, teatro infantil, cine e varias representacións teatrais.

O Concello de Foz organiza o concurso do deseño dun logotipo destinado a ser a imaxe representativa do Parque Infantil de Tráfico de Foz. O tema do deseño será libre e valorarase calquera tipo de referencia que se identifique co Parque, o logotipo deberá adaptarse a calquera soporte de difusión e cada concursante só poderá presentar un deseño. As propostas entregaranse aos directores dos colexios e o prazo de presentación remata o día 26 deste mes. Haberá un único premio consistente en material escolar por valor de 200 euros.

Ademais este venres, día 12, dará comezo a Romaría do Bispo Santo que se prolongará durante o sábado 13 e domingo 14. Esta tradicional romaría ten lugar no alto da Grela no Monte do Bispo Santo San Gonzalo e centos de romeir@s celebran durante eses tres días unha homenaxe relixiosa e outra pagá con notables exaltacións gastronómicas e musicais.

A programación da Concellería de Cultura de Foz para este mes de maio continuará o martes 16 con teatro infantil. A compañía Bandullo Azul presenta a obra Filipa cos contos ás 18:00 horas na Biblioteca Pública. É unha sesión de contos para toda a familia con historias tradicionais, música e humor presentadas polo actor Fran Campos e a súa amiga Filipa. A duración do espectáculo é de 50 minutos e a entrada é gratuíta. Esta representación inclúese na Programación das Letras da Biblioteca Pública Municipal de Foz.

O xoves 18 de maio haberá unha visita á Frouxeira de alumnos de 4º e 5º de ESO na que se lles explicará o que foi a Fortaleza e o Mariscal Pardo de Cela.

O sábado 20 de maio o grupo de teatro O Centiño presenta Zume de Amorodios. É unha obra recentemente estreada, escrita e dirixida por Pepe Peinó. Esta representación terá lugar na Casa da Cultura a partir das 20:30 horas e organízase para recadar produtos para o Banco de Alimentos de Foz.

O mércores 24 de maio o grupo de teatro de Primaria do Colexio do Pilar presentará a obra El misterio de los libros desaparecidos. Terá lugar na Sala Bahía ás 19:30 horas con entrada gratuíta. 

O xoves 25 haberá cine, coa proxección da película española 100 metros. Será na Casa da Cultura ás 20:30 horas e o prezo da entrada é de 3 euros. Protagonizada por Dani Rovira e Karra Elejalde conta a historia real de Ramón Arroio, quen tras ser diagnosticado de esclerose múltiple decide iniciar un peculiar adestramento no que loitará contra as súas limitacións. Tamén o xoves 25 o grupo de teatro de Secundaria do Colexio do Pilar presentará a obra Cenicientaaaa, na Sala Bahía ás 19:30 horas.

O sábado 27 terá lugar a presentación do  libro  de Pepe Peinó Vinte obras de teatro afeccionado. Será na Casa da Cultura ás 19:00 horas. Ese mesmo sábado celebrarase a presentación da nova orquestra de Foz Sons Varadero ás 20:30 horas na Sala Bahía.