A axenda cultural de Ribadeo do 16 e 17 de outubro inclúe música, monicreques e a presentación dun libro.

A Concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo programa para os vindeiros días diversas actuacións musicais, infantís, literarias e exposicións.

O sábado, 16 de outubro, ofrecerá un concerto María do Ceo. A actuación terá lugar no auditorio municipal Hernán Naval ás 20:30 horas. O prezo da entrada é de 10 euros e poden mercarse no Restaurante Lar de Manolo, Cafetería Mareta e na Cafetería do Eroski, ademais de na billeteira do auditorio o propio día do concerto desde as 19:30 horas.

O domingo, 17 de outubro, haberá función de títeres de luva con Mircromina para toda a familia nun espectáculo sobre a igualdade e a conciliación que terá lugar no auditorio municipal Hernán Naval ás 17:30 horas. O prezo da entrada é de 3 euros. Tamén o domingo terá lugar a presentación de Poemarios de Xulio Pardo de Neyra. A actividade está organizada pola Agrupación Cultural Francisco Lanza. Será na Casa do Viejo Pancho, ás 19:00 horas.

Ademais ata o 22 de outubro na Casa do Viejo Pancho, en horario de atención ao público, pódese visitar a exposición de retrato feminino en acuarela titulada Miradas de Esther Páez. Por outra banda, ata o día 20, na Oficina de Turismo permanece a mostra O porto de Ribadeo. Testemuñas do pasado.